Santiago, 6 de agosto de 2026.- Pouco máis dun 10% dos perceptores ingresan case a metade das axudas que a PAC distribúe anualmente en España. Así o amosan os datos do Informe sobre Axudas Directas e Desenvolvemento Rural efectuado polo Ministerio de Agricultura en relación á campaña de 2025. Unha análise que reflicte un excesivo e crecente apoio ás explotacións dirixidas por persoas xurídicas e, probablemente, máis dimensionadas; fronte a un descenso dos incentivos dirixidos a agricultores e gandeiros individuais.
O 10,45% dos perceptores da PAC en 2025 foron persoas xurídicas e percibiron o 43,21 do importes; mentres que o 57,79% restante repartiuse entre un 89,55% de perceptores, persoas físicas. Cinco anos antes a porcentaxe de figuras xuríficas situábase case dous puntos por debaixo e a media dos importes ingresados por elas era 4 puntos máis baixa. Porén, mentres que o número de persoas xurídicas e o montante das axudas por elas percibidas ven aumentando dende 2021, a tendencia é á inversa no que ten que ver cos perceptores individuais, que reduciron a súa representación en 2 puntos e en 4 no que ten que ver cos importes medios.
Mentres que o importe medio das axudas directas en España se situou en 2025 nos 6.777€/perceptor, en Galicia os produtores e produtoras ingresaron tan só o 80% do importe medio estatal: 5.290€.
Unións Agrarias-UPA lamenta ademais a fenda de xénero que continúa lastrando o sector produtor galego e destaca a necesidade de incentivar o apoio ás explotacións con mulleres á fronte; pero tamén de apostar con forza pola incorporación de mozos e mozas á actividade agrogandeira.
O groso das persoas que perciben axudas directas da PAC en Galicia sitúase na franxa de idade entre os 40 e os 65 anos. Son o 61,8% do total de 18.610 perceptores activos no territorio galego. Porén, tan só o 9,6% se sitúa por debaixo da franxa dos 40. Uns datos que revelan unha boa saúde no sector, pero que tamén establecen un horizonte temporal que fala da necesidade de incentivar con urxencia a incorporación de persoas novas. Cabe destacar ademais que as cifras galegas melloran a media estatal no que ten que ver co cobro de axudas PAC por parte de maiores de 65 anos. Así, en Galicia o 28,6% das persoas perceptoras sitúase por enriba desa franxa de idade e perciben o 12,5% dos importes; mentres que no conxunto de España representan o 39,6% dos perceptores e o 26% dos importes. Unha menor representación dos perceptores en idade de xubilación que Galicia lidera a nivel estatal, pero que é extrapolable ao conxunto da Cornixa Cantábrica.
Os agricultores e gandeiros galegos ingresaron na campaña de 2025 case 98,5 millóns de euros, cunha media de 5.290€ por persoa perceptora. Porén, esa media baixa no caso das mulleres que, a pesar de ser o 52,3% das persoas perceptoras ingresaron tan só o 41% das axudas directas. Unha porcentaxe que se traduce nun ingreso medio case 2.400€ por debaixo do que percibiron os homes: 4.150 fronte a 6.538 euros, o que supón que elas ingresan o 63,5% do importe medio masculino. Tanto número de mulleres como o importe medio percibido por elas descende canto máis nova é a titular. Uns datos que evidencian a necesidade de apostar con forza e incentivar a incorporación de mulleres e mocidade para garantir un sector san, solvente, con futuro e en igualdade.


