Santiago de Compostela, 14 de agosto de 2026.– Unións Agrarias estima en 164,1 millóns de euros as perdas xa acumuladas pola seca na produción de forraxes para a alimentación do gando en Galicia ata a primeira semana de agosto. A valoración abrangue o millo forraxeiro, as pradeiras e os pastos permanentes e ten en conta tanto a redución da cantidade de forraxe dispoñible como a perda de calidade provocada pola falta de auga e polas elevadas temperaturas.
O maior impacto corresponde ao millo forraxeiro, con 102 millóns de euros en perdas, seguido das pradeiras, con 34,8 millóns, e dos pastos permanentes, con 27,3 millóns de euros. Ante esta situación, Unións Agrarias solicita unha reunión coa Consellería do Medio Rural para analizar a evolución da seca, actualizar a valoración dos danos e comezar a deseñar unha folla de ruta de actuación.
A Coruña concentra máis da metade das perdas económicas estimadas: 88,3 millóns de euros. Unha valoración que abrangue o millo forraxeiro, que caeu 69 millóns de euros, e as pradeiras e pastos permanentes, que perderon 19,3 millóns. En Lugo, as perdas ascenden a 52,5 millóns de euros: 23,8 correpondentes a millo forraxeiro e 28,7 de pradeiras e passtos permanentes. Son as dúas provincias que máis acusan as consecuencias da seca como consecuencia do peso que teñen nelas as explotacións gandeiras e a superficie destinada á produción de forraxes. Así, as comarcas de Barcala-Xallas, Chantada e Deza son as mais dañadas con índices de afectación que oscilan entre o 20 e 40%. Nesta última zona produtiva, os cultivos de mazá corren especial perigo polo risco de encorchamento dos froitos.
En Ourense as perdas estímanse en 8,7 millóns de euros: 1 millón de euros, correspondente a millo forraxiero e 7,7 a pradeiras e pastos permanentes. Unhas cifras que en Pontevedra se sitúan nos 14,7 millóns de euros de perdas totais, repartidos entre 8,2 de millo e 6,6 de pastos.
Un eventual regreso das precipitacións permitiría favorecer o rebrote da herba e mellorar a produción dos próximos meses, pero non recuperaría os cortes nin o pasto que as explotacións xa deixaron de producir durante a primavera e o verán.
O millo xa non pode recuperar o seu potencial produtivo
A situación é especialmente delicada no millo forraxeiro. En boa parte das zonas produtoras o cultivo xa completou a floración e atópase en fase de formación e enchido da mazaroca, cunha maduración moi acelerada polas temperaturas extraordinariamente elevadas das últimas semanas.
A seca provocou ademais unha importante redución da área foliar das plantas. Isto limita severamente a capacidade do cultivo para aproveitar unha eventual mellora das condicións hídricas para aumentar a produción de gran e o contido en amidón.
Por tanto, aínda que unha choiva inmediata podería frear parcialmente o deterioro das parcelas que se atopan en mellores condicións, o potencial inicial de produción e de calidade do millo xa non é recuperable nesta campaña.
A campaña de forraxes máis cara coincide cunha forte caída da produción
Unións Agrarias alerta de que a seca chega, ademais, despois da campaña de sementeira de millo e de renovación de pradeiras máis cara ata o momento, polo incremento dos principais custos que soportan as explotacións: gasóleo agrícola, fertilizantes, sementes, plásticos de ensilaxe e servizos agrarios.
Isto significa que as granxas afrontaron un investimento especialmente elevado para implantar os cultivos e agora ven reducida de maneira importante a cantidade e a calidade do alimento que poderán almacenar para o inverno e para a primeira parte de 2027.
A situación resulta particularmente preocupante nas explotacións leiteiras, nas que a alimentación representa arredor do 60 % dos custos de produción. A menor dispoñibilidade de forraxes propios obrigará a numerosas granxas a incrementar as compras de alimentos durante os próximos meses, polo que o impacto económico da seca non rematará coa colleita, senón que se trasladará aos custos de produción ata a seguinte campaña, debido a dificultade de atopar alimentación animal alternativa como a alfalfa ou a veza.


