Santiago, 11 de setembro de 2026-. Unións Agrarias denuncia o crecente malestar entre os gandeiros de Negreira polos danos reiterados que as poboacións de xabaril están a provocar nas fincas de millo e pola falta, ata o momento, de medidas de control suficientemente eficaces para frear unhas perdas que continúan aumentando. A organización está a recibir numerosas queixas de produtores afectados e varios afiliados xa solicitaron a realización de peritaxes específicas dos danos, como documentación complementaria aos partes presentados diante da Consellería, de cara a acreditar a dimensión real das perdas e sustentar, se fose necesario, as correspondentes reclamacións polos danos sufridos, incluída a vía xudicial cando proceda.
Aínda que a maior parte da colleita xa está recollida, os destrozos sucédense nas numerosas explotacións de ciclo longo e gran, nas que aínda quedan arredor de quince días, e mesmo dúas ou tres semanas, para poder colleitar. Durante este período os danos continúan aumentando cada día, nalgúns casos de maneira moi importante.
Os gandeiros trasladan a Unións Agrarias que incluso as parcelas protexidas mediante pastores eléctricos sofren entradas sistemáticas de mandas de xabarís, que derruban plantas, comen as mazarocas e pisan amplas superficies de cultivo. Cada nova noite supón un incremento das perdas fronte ás que , as explotacións se senten practicamente impotentes.
A organización advirte que as axudas públicas están limitadas a un máximo de 2.750 euros por explotación e ano, mentres existen ganderías que acumulan varias hectáreas de millo afectadas, con perdas económicas moi superiores, sobre unha colleita que xa chega mermada polos efectos da seca. De aí que cada vez máis afectados consideren necesario cuantificar pericialmente a totalidade das perdas sufridas.
Unións Agrarias fai un chamamento inmediato á colaboración e implicación dos cazadores para que, durante estas dúas ou tres semanas decisivas previas á colleita, se empreguen todas as posibilidades de intervención que ofrece a declaración de emerxencia cinexética e se prioricen as batidas ordinarias de temporada, nas zonas onde se están concentrando os danos sobre os cultivos, con criterios de prevención de danos.
Unións Agrarias subliña que é preciso intervir cando os danos se están producindo, e non limitarse a contabilizar as perdas unha vez destruída a colleita e e agardar á seguinte campaña para atoparnos de novo co mesmo problema, previsiblemente agravado se non existe un control efectivo da poboación de xabaril.
Un problema que esixe unha resposta estrutural
Unións Agrarias considera necesario abrir un debate serio sobre que densidade de xabarís pode soportar un territorio eminentemente gandeiro como a de O Barcala e outras comarcas eminentemente produtoras de Galicia.
Cando unha parte relevante das colleitas son destruídas repetidamente pola fauna silvestre, o custo acaba repercutindo directamente sobre a renda das explotacións e das familias que viven delas.
O problema tampouco pode analizarse exclusivamente desde o punto de vista agrario. Unha presenza excesiva de xabarís incrementa igualmente o risco de accidentes de tráfico, pode xerar desequilibrios sobre outras especies e hábitats e constitúe un factor de preocupación desde o punto de vista sanitario.
Unións Agrarias lembra especialmente a importancia de previr o risco de transmisión de enfermidades entre a fauna silvestre e a cabana gandeira, ademais doutros problemas asociados a unha elevada presenza de fauna, como a proliferación de parasitos e carrachas, con posibles consecuencias tamén para a saúde das persoas e dos animais domésticos.


