Santiago de Compostela, 14 de setembro de 2026.– Unións Agrarias alerta da situación cada vez máis preocupante que atravesan as explotacións lácteas galegas como consecuencia da combinación de dous factores: a caída do prezo percibido polos produtores e unha nova escalada dos custos de produción, agravada pola inestabilidade xeopolítica internacional e polos efectos da seca dos últimos meses.
Os últimos datos dispoñibles sitúan o prezo medio do leite en Galicia en 44,4 céntimos por litro, fronte aos 46,4 céntimos da media estatal. Unha diferenza especialmente grave tendo en conta que Galicia concentra arredor do 40 % da produción española e que o elevado peso da produción galega tira á baixa da propia media estatal. A comparación con outras comunidades produtoras resulta aínda máis significativa: Asturias alcanza os 49,1 céntimos/litro, Cantabria os 48,4 e Castela e León os 47,2.
Unións Agrarias considera incomprensible que la principal potencia produtora de leite de España continúe sendo, ao mesmo tempo, o territorio onde peor se paga aos seus gandeiros.
Esta situación prodúcese, ademais, nun momento de forte incremento dos custos. A inestabilidade internacional e o encarecemento da enerxía e das materias primas están repercutindo no gasóleo agrícola, os fertilizantes, os servizos agrarios e a alimentación animal. A iso súmanse os efectos dunha seca que Unións Agrarias estimou en 164,1 millóns de euros de perdas na produción galega de forraxes e pastos, reducindo as reservas propias das explotacións e obrigándoas a incrementar a compra de alimentación.
La organización xa advertiu de que o encarecemento das materias primas para pensos e o resto de factores pode supoñer entre 4 e 5 céntimos adicionais de custo por cada litro de leite producido. Alimentar o gando representa arredor do 60 % dos custos dunha explotación láctea, polo que esta situación terá efectos durante os vindeiros meses e non desaparecerá co remate da campaña de colleita.
A LEI DA CADEA ALIMENTARIA TEN QUE CUMPRIRSE
Ante esta realidade, Unións Agrarias considera imprescindible confrontar os prezos ofrecidos polas industrias cos custos efectivos de produción das explotacións.
A Lei da Cadea Alimentaria establece que o prezo que perciba un produtor primario debe ser superior ao total dos custos asumidos para producir. Por tanto, no resulta admisible que a subida dos insumos sexa soportada exclusivamente polo elo máis débil da cadea mentres se continúa presionando á baixa o prezo en orixe.
Unións Agrarias reclama por iso unha actuación coordinada e reforzada dos organismos competentes en materia de control da cadea alimentaria, tanto a nivel estatal como galego, para comprobar que os contratos e os prezos que se están aplicando cumpren efectivamente a lexislación.
A organización considera necesario intensificar as inspeccións e actuar sobre aqueles operadores que estean adquirindo leite a prezos incompatibles cos custos efectivos de produción. Cando se acrediten incumprimentos, deben existir sancións eficaces e transparencia sobre os operadores responsables.
A vixilancia debe estenderse igualmente á distribución. Non podemos permitir que o leite volva ser utilizado como produto reclamo nin que as estratexias comerciais dos últimos elos da cadea rematen trasladando a presión cara atrás ata recaer novamente sobre as explotacións.
EVITAR UNHA NOVA DESTRUCIÓN DO TECIDO PRODUTIVO
Unións Agrarias advirte de que Galicia non pode afrontar unha nova crise de rendibilidade que acelere o peche de explotacións. O sector lácteo constitúe un dos principais motores económicos do rural galego, xera actividade e emprego e sostén boa parte da economía de numerosas comarcas.
Por iso, de cara ás vindeiras renovacións contractuais, a evolución real dos custos debe trasladarse ao prezo del leite.
“Estamos ante unha situación moi clara: baixa o prezo que recibe o gandeiro mentres sobe practicamente todo o que precisa para producir. Se queremos manter explotacións, xerar substitución xeracional e conservar a capacidade produtiva de Galicia, esa ecuación ten que cambiar”, sinala Unións Agrarias.
A organización reclama a industria, distribución e administracións que asuman a súa responsabilidade. A rendibilidade das granxas non pode seguir sendo a variable de axuste da cadea láctea.


