Cervantes, 15 de setembro de 2026-. Unións Agrarias traslada o profundo malestar dos gandeiros das parroquias de Noceda e Cereixedo, no Concello de Cervantes, polos danos recorrentes provocados polo xabaril nos terreos incluídos na Reserva Nacional de Caza dos Ancares, cuxa xestión corresponde á Xunta de Galicia.
Os produtores denuncian que a presenza crecente de xabaril está provocando importantes perdas nos prados destinados á produción de forraxes, especialmente nas parcelas utilizadas para o ensilado de herba. A entrada das mandas nos terreos agrícolas provoca o levantamento do solo, a destrución da cuberta vexetal deixando en moitos casos os prados inutilizables para a colleita e obrigando aos gandeiros a asumir custos adicionais para garantir a alimentación do gando.
Ademais dos danos económicos directos, Unións Agrarias alerta do risco sanitario que supón o incremento da interacción entre fauna salvaxe e gando doméstico, especialmente nas zonas de pastoreo extensivo. O contacto entre animais salvaxes sen control sanitario e as explotacións gandeiras incrementa o risco de transmisión de enfermidades e dificulta a xestión sanitaria das explotacións.
A problemática agrávase durante a tempada de caza, cando as mandas de xabarín buscan refuxio cara ás zonas da Reserva de Caza dos Ancares. Esta situación estaría contribuíndo a concentrar unha maior presenza de xabaril precisamente nos territorios onde a capacidade de actuación depende directamente da planificación e xestión da Xunta de Galicia.
Unións Agrarias lembra que a Reserva de Caza dos Ancares conta cun réxime específico de xestión pública, polo que reclama á Administración autonómica unha maior implicación no control da poboación de xabaril e na prevención dos danos ocasionados sobre as actividades produtivas.
A organización agraria considera imprescindible que a conservación da fauna salvaxe sexa compatible co mantemento da actividade agrogandeira, que é precisamente a que garante a presenza de poboación no territorio, contribúe á xestión da biomasa e favorece a conservación dunha paisaxe rural activa e previda fronte ao abandono.
Por este motivo, UUAA solicita á Xunta de Galicia que revise os criterios actuais de xestión do xabaril na Reserva de Caza dos Ancares, incremente as medidas preventivas e estableza de inmediato mecanismos eficaces para reducir a presión sobre as explotacións gandeiras afectadas e que poidan recuperar a súa normalidade produtiva.
Ao mesmo tempo, técnicos de Unións Agrarias xa están traballando coa documentación achegada polas explotacións afectadas para realizar a valoración dos danos ocasionados por si proceden reclamacións de responsabilidade patrimonial ante a Administración autonómica, como responsable da xestión cinexética destes terreos.
Unións Agrarias insiste en que a xestión da fauna salvaxe debe facerse desde unha perspectiva integral, garantindo o equilibrio entre a protección ambiental e a supervivencia dunha actividade gandeira que resulta esencial para o futuro dos Ancares e para o mantemento do territorio rural.


