Santiago, 17 de setembro de 2026.- Unións Agrarias solicita a Dirección Xeral da PAC e do Control da Cadea Alimentaria da Consellería do Medio Rural que axilice o pago anticipado das axudas da PAC ás explotacións polas dificultades que están atravesando polo incremento de custos derivados da seca na produción de forraxe e nos prados.
A organización considera que dos 152 millóns de euros previstos no capítulo de axudas directas, a UE autoriza ata un 75% de adianto o que suporía inxectar de xeito inmediato 114 millóns nas explotacións nun intre especialmente duro no que o maior impacto das perdas corresponde ao millo forraxeiro, con 102 millóns de euros en perdas, seguido das pradarías, con 34,8 millóns, e dos pastos permanentes, con 27,3 millóns de euros.
En paralelo, Unións Agrarias insiste dos efectos da forte suba das materias primas que serven de base na composición dos pensos e concentrados con destino a alimentación animal, – a cebada nacional se incrementou nun 11,27 %, a polpa de remolacha que se encareceu un 6,20%, o millo de importación subiu un 12,12% e a soia de importación que se disparou un 15,85 %- polo que a combinación do dous factores pon as explotacións no límite.
Na mesma carta tamén se fai fincapé na necesidade de implantar a compra de alimentación animal de maneira conxunta pola Consellería para tratar de optimizar prezos da o tensionamento que están sufrindo os prezos por mor da forte demanda e da caída da produción. Unións Agrarias alerta da situación cada vez máis preocupante que atravesan as explotacións lácteas galegas como consecuencia da combinación de dous factores: a caída do prezo percibido polos produtores e unha nova escalada dos custos de produción, agravada pola inestabilidade xeopolítica internacional e polos efectos da seca dos últimos meses.
Os últimos datos dispoñibles sitúan o prezo medio do leite en Galicia en 44,4 céntimos por litro, fronte aos 46,4 céntimos da media estatal. Unha diferenza especialmente grave tendo en conta que Galicia concentra arredor do 40 % da produción española e que o elevado peso da produción galega tira á baixa da propia media estatal. A Lei da Cadea Alimentaria establece que o prezo que perciba un produtor primario debe ser superior ao total dos custos asumidos para producir. Por tanto, non resulta admisible que a suba dos insumos sexa soportada exclusivamente polo elo máis débil da cadea mentres se continúa presionando á baixa o prezo en orixe.


