Carballo, 7 de outubro de 2026.- Unións Agrarias-UPA condena o inaceptable trato que Unión Fenosa Distribución (UFD) está dando aos propietarios dunha granxa de vacún do concello de Carballo. Hai nove días que a explotación, situada no lugar de Xoane, está sen subministración. Unha situación da que a distribuidora de electricidade do Grupo Naturgy pretende desentenderse; e que a organización agrogandeira insta a solventar coa máxima urxencia.
O 29 de setembro as instalacións da explotación de vacún de carne que a Gandeiría Casas ten en Carballo quedaron sen luz. E, a pesar dos reiterados intentos por coñecer a orixe da avaría e poder ver restablecida a subministración, a día de hoxe a situación mantense inalterable.
Ante a neglixencia e a falta de responsabilidade con que a distribuidora está tratando a estes usuarios, Unións Agrarias insta á Consellería de Economía e Industria a actuar coa máxima urxencia para esixir responsabilidades e que o servizo poida verse restablecido canto antes. A organización agrogandeira considera inaceptable a enorme demora e a máis que deficiente atención que os responsables desta granxa familiar están a percibir, e que está a causarlle importantes perxuízos.
A falla de electricidade ten obrigado aos propietarios da granxa a alugar un xerador para poder manter a actividade da súa explotación. Un custo engadido que debido á ineficiente atención recibida non saben ata cando deberán seguir afrontando e que repercutirá na súa conta de resultados.
A situación xa ten sido posta en coñecemento de Consumo e da Consellería de Economía e Industria da Xunta de Galicia, ante as que se teñen interposto sendas reclamacións.


