Unións Agrarias alerta dos riscos que un crecemento irracional da produción vitivinícola poden supoñer para a rendabilidade e o futuro da viticultura tradicional galega e fai un chamamento para comezar a traballar xa nun plan que permita ao sector chegar á vendima do 2027 con maiores garantías de rendabilidade para os produtores. A organización, que neste momento está a analizar o acontecido en Rías Baixas na última campaña da man de viticultores e dos seus servizos xurídicos, fai un chamamento para que administración pública e Consellos Reguladores vaian da man para dar forma a unha batería de medidas que aporten racionalidade e garantan o futuro do sector tal e como o coñecemos.
«Debemos remar todos na mesma dirección para garantir prezos xustos e contratos equilibrados, condicionar o apoio público á compra de uva, actualizar rexistros e rendementos, ordenar o crecemento das DOs, poñer en marcha un plan contra o abandono e impulsar a innovación». É o resumo das medidas que Unións Agrarias pon enriba da mesa para enfrontar con éxito os cambios que o mercado, o cambio de hábitos de consumo e a climatoloxía están a supoñer para o sector vitivinícola.
Se ben é certo que as DOs galegas pecharon a última campaña con cifras de produción superiores ás da anterior vendima, é necesario ter en conta o contexto xeral e adiantarse para evitar un prexuízo económico para os produtores que son a base do sector. Así o destaca Unións Agrarias, que insta a tomar medidas «nun momento de grande incertidume que afecta ao mercado a nivel internacional; cunha caída de consumo que se une a unha produción que medrou moitísimo nos últimos anos».
Mentres que as cifras de uva recollida seguen medrando, os datos de consumo de viño seguen unha tendencia inversa, retrotraéndose en 2025 á época de 1957. «Tivemos unha colleita de grande calidade e histórica en canto a volume, pero non foi unha boa colleita para os viticultores que, cos custos de produción disparados, no mellor dos casos seguen cobrando o mesmo ou moi por debaixo do que viñan percibindo en anos anteriores», critica Unións Agrarias.
A organización lembra que, co custo de insumos básicos como o gasóleo, os tratamentos fitosanitarios ou a man de obra disparados, os viticultores galegos están a perder poder adquisitivo e rendabilidade. «Somos capaces de producir a maior cantidade de uvas de mellor calidade e levamos a peor parte, cun caso flagrante coma o de Rías Baixas» onde houbo adegas que ameazaron con deixar sen recoller ata un 40% da produción e impuxeron unha baixada de prezos desorbitada.
Unións Agrarias está a analizar polo miúdo os datos que os viticultores lle están a facer chegar para poñer en coñecemento da AICA o acontecido na última vendima. «A AICA está para protexer, e toda a uva que se pagase por debaixo de custos de produción ímola denunciar porque non podemos permitir que nunha das DOs de maior prestixio e que produce viños de calidade os viticultores teñan que malvivir», asevera a organización.
As propostas de Unións
Unións Agrarias considera imprescindible traballar con rigor, tendo en conta a realidade e as mensaxes que trasladan os mercados e os hábitos de consumo, para que a viticultura galega poida adaptarse e enfrontar con éxito os retos que ten por diante sen deixar a ninguén no camiño. Nese senso, a organización lembra que de 2020 a 2025 a superficie vinicola en Galicia aumentou en 1000 hectáreas, mentres que o número de viticultores reduciuse en 1.200. «Estamos ante un cambio de modelo vitícola que está levando por diante a nosa viticultura tradicional, formada por pequenos e medianos produtores ligados ao rural, que xestionan e habitan territorio, para pasar a grandes adegas que impulsan grandes plantacións. Ese non é o modelo galego nin o modelo que Galicia debe ter», asevera a organización, que aposta por garantir o futuro e a viabilidade dos pequenos produtores.
Así as cousas, a organización insta á Xunta a traballar para elaborar e publicar custos de produción de referencia adaptados á realidade das distintas DOs. Unha realidade que, en Galicia, varía enormemente dunhas zonas produtoras a outras debido ás diferencias orográficas ou as distintas necesidades de plantación e vendima.
A organización demanda ademais contratos que supoñan unha ferramenta real a disposición da defensa da rendabilidade das explotacións e non un simple trámite administrativo que serva ás adegas para evitar sancións en caso de inspección. «Temos que ter tempo suficiente para negociar contratos e evitar entregas de uva sen un prezo fixado de maneira previa por escrito», reclama Unións Agrarias.
A organización insta ademaiss a vincular a concesión de axudas públicas á compra de uva e ao pagamento da mesma. «As axudas para reestruturación de viñedo, mellora e promoción están ben e son necesarias, pero deben vincularse a compromiso de compra e prezo. Non pode ser que unha adega que o ano pasado recibiu millóns de euros para promoción este ano no mellor dos casos baixe 20 céntimos aos viticultores», denuncia Unións Agrarias, que demanda axudas públicas ao servizo do sector, non do enriquecemento individual de grandes adegas. Nese senso, a organización reclama uns criterios de valoración e uns baremos para o acceso a fondos públicos que servan para facer «que as adegas que cumpran, que ano tras ano asinan contratos e negocian con tempo suficiente, que suben o prezo da uva en función dos custos de produción teñan máis puntos e acceso a axudas públicas».
A organización tamén considera necesario actualizar os rexistros vitícolas e adaptar os rendementos. «Non produce o mesmo unha viña no Salnés que no Rosal ou no Ulla, nin unha en bancais que outra en zona chá. Hai que adecuar os rendementos para adecuar a produción á realidade do campo, garantindo a venda do que se produce e pechando a porta á entrada de uva foránea».
Ademais, Unións Agrarias insta a racionalizar o crecemento das DOs. «Temos colleitas históricas, pero está a haber problemas de mercado, o que redunda en caídas do prezo en orixe. Non podemos medrar sen sentido, porque iso levará a ter moita uva pero barata, e ese non é o modelo galego», explica a organización; que lembra que en Galicia resulta imposible producir uva barata debido ás condicións e a realidade dos nosos terreos e da vendima manual tradicional. «Todo iso débese ter en conta para non ter que botar despois as mans á cabeza».
A organización lembra o problema de abandono que está a darse en DOs como o Ribeiro e a Ribeira Sacra. Unha situación que leva a un problema fitosanitario grave, debido ao reservorio de doenzas como o mildiu, a botrytis ou a flavescencia dourada que crea. Ante iso, demanda un plan de arranque por parte da Xunta de Galicia que poña couto a ameza que esas vides abandonadas supoñen para as que se atopan en produción e facilitar accesos á terra.
Por último, Unións Agrarias insta a traballar para potenciar a innovación e impulsar a creación de novos produtos. Escoitar ao mercado e comezar a valorar as posibilidades de viños de menos gradación, sen alcol ou envasados en novos formatos.


