Santiago de Compostela, 27 de outubro de 2026. Unións Agrarias (UU.AA.) amosou hoxe unha profunda cautela ante o anuncio do acordo acadado polo Consello de Ministros de Agricultura da UE sobre a estrutura da nova Política Agraria Común (PAC) para o período 2028-2034. Roberto García, secretario xeral de UUAA sinala que «temos a estrutura do edificio, pero aínda non sabemos con canto diñeiro se vai construír». Así, a organización agraria lembra que o documento votado polo Consello non garante un só euro do orzamento nin resolve cuestións cruciais como os topes por explotación, o pago redistributivo ou o financiamento dos programas sectoriais, que quedan supeditados á complexa negociación do Marco Financeiro Plurianual.
Para Unións Agrarias, un dos puntos máis preocupantes da posición do Consello reside na flexibilidade total outorgada aos Estados membros para deseñar a figura do agricultor activo. A organización incide con especial dureza en que a PAC non pode seguir sendo un complemento de renda para as pensións nin unha ferramenta que bloquee o acceso á terra dos mozos. Ao diluír a definición de agricultor activo e permitir que as axudas se cobren sen unha actividade agraria real e profesional, favorécese a retención de terreos produtivos. Isto penaliza directamente o relevo xeracional e o dinamismo que Galicia necesita para fixar poboación no medio rural. Aínda que se establece a obrigatoriedade de definilo, o texto delega en cada país os criterios concretos de avaliación (ingresos, man de obra ou rexistros). UUAA apoia que o limiar de 5.000 € se manteña para eximir de cargas burocráticas aos pequenos perceptores galegos, pero insiste en que a falta de criterios europeos rigorosos baleira de contido a reforma.
A organización agraria denuncia que todo o que fai xusta a PAC foi expulsado do acordo do Consello. A redución progresiva das axudas (degresividade) a partir dos 20.000 € e o tope máximo obrigatorio por explotación (capping) que defendía a Comisión Europea foron substituídos na caixa de negociación por propostas descafeinadas: rebaixas voluntarias a partir de 100.000 € e un tope opcional de 300.000 €. Neste sentido, Unións Agrarias amosou o seu rexeitamento a calquera intento de subordinar a soberanía alimentaria ás prioridades de defensa ou xeopolíticas, sinalando que a PAC non pode ser mutilada a nivel orzamentario. «A PAC debe financiar tractores, modernización e relevo no campo, non destruír o seu orzamento para investir en tanques ou gasto militar», advirte a organización con contundencia. Do mesmo xeito, o pago redistributivo (o actual CRISS), que hoxe é unha obriga para apoiar ás explotacións familiares, corre o risco de converterse nunha simple opción voluntaria para os Estados. Algo que suporía un perigo estrutural para o modelo produtivo maioritario en Galicia.


