Arredor de 200 gandeiros e gandeiras congregáronse este xoves en Pedrafita do Cebreiro para participar na xornada Xestión Medioambiental de Explotacións de Vacún de Carne. Un encontro xa tradicional organizado pola Asociación de Desenvolvemento Rural Ódega no que colabora Unións Agrarias.
Un ano máis, Unións Agrarias volveu aproveitar o encontro dos Ancares para reivindicar o esencial papel da gandeiría tradicional en extensivo. Un modelo produtivo cuxa importancia e repercusión vai moito máis aló do seu valor económico, pois xestiona territorio, fixa poboación e representa un activo insustituíble na loita contra o abandono e a prevención dos grandes lumes.
Ese labor de xestión territorial é precisamente algo que Unións Agrarias quere que se recoñeza e recompense mediante a creacion dunha liña específica dentro da Política Agraria Común. Nun momento no que a incerteza arredor do futuro da PAC é grande debido á redución do orzamento do 22% que a Comisión Europea ten enriba da mesa, a organización reivindicou en Pedrafita a necesidade de que garantir fondos suficientes e un reparto xusto dunhas axudas que garanten a rendabilidade da gandeiría tradicional de carne.
Coas exportacións de carne a Marrocos paralizadas dende hai meses e os custos de produción disparados a raíz da inestabilidade internacional e a seca, contar cunha Política Agraria Común forte é se cabe máis necesario ca nunca. Así o reivindica Unións Agrarias, que pon o foco no papel que os fondos comunitarios desempeñan para garantir a continuidade da gandeiría tradicional en extensivo. Un modelo de produción «que ten que loitar contra unha rendabilidade escasa e contra un rural falto de servizos» e que realiza un traballo de xestión do territorio e prevención de incendios que ningunha brigada alcanzaría a efectuar.
Durante a xornada analizouse a evolución dos prezos e o mercado de carne e abordouse o impacto e as vías de actuación existentes para minimizar os efectos das doenzas que afectan á cabana gandeira, cos ollos postos tamén na aparición de novos virus emerxentes.


























