UNIÓNS AGRARIAS SOLICITA QUE OS PASTOS POIDAN BENEFICIARSE DAS AXUDAS DA CONSELLERÍA PARA COMPENSAR A SUBA DE CUSTOS

Non entende que se deixe fóra unhas superficies vitais na produción de alimento para o gando e cuxo mantemento é esencial para a prevención de incendios

Santiago, 30 de outubro de 2026.- Unións Agrarias-UPA insta á Consellería do Medio Rural a incluír os pastos entre as superficies con dereito a beneficiarse da liña de axudas que a administración autonómica ten anunciado para compensar os prexuízos económicos ocasionados polo incremento dos custos dos fertilizantes e da enerxía. Uns apoios que a organización agrogandeira considera insuficientes e cuxos criterios insta a modificar, pois deixan fóra a numerosos profesionais do campo que tamén están a sufrir directamente os efectos da seca e o encarecemento de fertilizantes, enerxía e alimentación.

Unións Agrarias aproveitou a xornada sobre Xestión Medioambiental de Explotacións de Vacún de Carne celebrada este xoves en Pedrafita do Cebreiro para poñer sobre a mesa diversas actuacións indispensables para blindar a rendabilidade e o futuro dun modelo produtivo indispensable, non só dende o punto de vista socioeconómico, senón polo insustituíble papel que desenvolve na xestión do territorio e a loita contra o abandono e os incendios forestais.

Ante os 200 gandeiros e gandeiras congregados en Pedrafita Unións Agrarias lembrou que os pastos son a base da alimentación de miles de explotacións gandeiras galegas e puxo sobre a mesa a inxustiza de excluílos destas axudas.

A orgnización agrogandeira entede que non incluír os pastos como superficies indemnizables “é ignorar a realidade produtiva do noso territorio e supón deixar sen compensación unha parte fundamental da actividade gandeira galega”. Ademais, reclama que, igual que se fixo con outras liñas de axuda, a administración proceda ao pagamento das mesmas de xeito automático sen que os beneficiarios teñan que realizar solicitude algunha para poder acollerse a elas.

“Resulta incomprensible que a Consellería do Medio Rural impulse unhas axudas para compensar o incremento dos custos agrarios e, ao mesmo tempo, deixe fóra actividades e profesionais que soportan eses mesmos sobrecustos”, asevera Unións Agrarias. Que tamén sinala á Política Agraria Común como unha ferramenta a reformular e reforzar.

Nun momento no que a incerteza arredor do futuro da PAC é grande debido á redución do orzamento do 22% que a Comisión Europea ten enriba da mesa, a organización reivindicou en Pedrafita a necesidade de que garantir fondos suficientes e un reparto xusto dunhas axudas que garanten a rendabilidade da gandeiría tradicional de carne. Ademais, Unións Agrarias volveu incidir na necesidade de que a Política Agraria Común recoñeza e retribúa o traballo que gandeiras e gandeiros desempeñan na xestión do territorio e a prevención de incendios forestais.

Coas exportacións de carne a Marrocos paralizadas dende hai meses e os custos de produción disparados a raíz da inestabilidade internacional e a seca, contar cunha Política Agraria Común forte é se cabe máis necesario ca nunca. Así o reivindica Unións Agrarias, que pon o foco no papel que os fondos comunitarios desempeñan para garantir a continuidade da gandeiría tradicional en extensivo. Un modelo de produción «que ten que loitar contra unha rendabilidade escasa e contra un rural falto de servizos» e que realiza un traballo de xestión do territorio e prevención de incendios que ningunha brigada alcanzaría a efectuar.

Durante a xornada analizouse a evolución dos prezos e o mercado de carne e abordouse o impacto e as vías de actuación existentes para minimizar os efectos das doenzas que afectan á cabana gandeira, cos ollos postos tamén na aparición de novos virus emerxentes.