Outros sectores
Apicultura
En Unións Agrarias preocúpannos as necesidades dos nosos produtores de mel. Trátase dun sector que, a pesar da ameaza da vespa velutina e do cambio climático, ten experimentado un importante incremento nos últimos anos.
Galicia é nestes momento a terceira comunidade cun maior número de explotacións apícolas do estado e unha cifra de colmeas que rolda as 168.000. Trátase dunha actividade cada vez máis profesionalizada e en crecemento e un dos poucos sectores que teñen medrado durante os anos da crise, nos que tanto o número de colmeas como o de produtores medraron en todas as provincias galegas.
A través do proxecto Apicambio, dende Unións Agrarias traballamos, da man dos apicultores, para impulsar novas estratexias que permitan mellorar o rendemento e a produción das colmeas. Entendemos que é fundamental desenvolver dinámicas que permitan mitigar os efectos adversos que xa está a provocar o cambio climático. Así como avanzar na mellora xenética dos enxames co obxectivo de facelos máis resistentes ás doenzas que afectan ás abellas; como a varroa; e implementar tratamentos máis efectivos para as mesmas.
Facilitar o asentamento e o crecemento das nosas explotacións apícolas é un obxectivo que resultará beneficioso para o futuro e o desenvolvemento socioeconómico do noso rural. Pero tamén unha finalidade básica e esencial dende o punto de vista medioambiental, habida conta do papel fundamental que as abellas xogan na polinización e no mantemento da cadea alimentaria. A alerta xerada nos últimos anos en relación á vespa velutina obriga a prestar especial atención á propagación dunha especie invasora que supón un grave risco para as nosas colmeas, pois pode chegar a destrozar ata un tercio das mesmas. Por elo cómpre estarmos alerta e implementar medidas para o control desta praga.
Castaña
Ao igual que acontece cos produtos de horta, a produción de castaña representa na meirande parte dos casos un complemento para moitas explotacións agrogandeiras. Así como para as rendas de numerosas familias, sobre todo nas provincias de Lugo e Ourense, que comercializan a produción de soutos de pequenas dimensións.
A defensa de prezos dignos e a loita contra as posibles enfermidades que afectan ao castiñeiro son as principais necesidades dun sector que, sen uns rendementos económicos mínimos, corre o risco de desaparecer.
Conseguir evitar os vaivéns dos prezos de mercado e aportar estabilidade son aspectos básicos para uns produtores que a día de hoxe non contan cunhas condicións mínimas garantidas. Un feito que en ocasións leva ao abandono das colleitas.
Dende Unións Agrarias entendemos que a aposta pola diferenciación e a calidade son fundamentais á hora de poñer en valor a produción autóctona do mel e da castaña