UNIÓNS AGRARIAS DENUNCIA A UTILIZACIÓN DE LEITE PORTUGUÉS NA PLANTA DE INLEIT DE TEIXEIRO

Considera inmoral estas importacións por parte dunha firma subvencionada pola Xunta de Galicia e que publicamente se gaba do seu compromiso co sector produtor galego

Curtis, 9 de xuño de 2023.- Unións Agrarias denuncia a entrada de cisternas de leite portugués na planta de Inleit en Teixeiro. A organización agrogandeira considera absolutamente inmoral o emprego de materia prima foránea por parte dunha industria punteira que publicamente se gaba do seu compromiso co sector produtor galego e que, ademais, se ten beneficiado de inxentes cantidades de cartos públicos.

Cisternas cargadas de leite provinte do país veciño están a entrar practicamente a diario na planta que Inleit ten en Teixeito, no municipio de Curtis. Unhas instalacións que recentemente se beneficiaron dunha subvención de 14 millóns de euros da Xunta de Galicia e que o propio presidente galego ten gabado como referente na xeración de valor engadido, innovación e desenvolvemento vinculados á transformación láctea na Comunidade.

Para Unións Agrarias resulta completamente inaceptable a entrada de materia prima foránea nunha planta que sustenta o seu desenvolvemento nunha enorme inxección económica provinte da administración autonómica. Unha firma que, para máis inri, publicamente fai bandeira do local e que en reiteradas ocasións ten feito bandeira do seu compromiso co sector produtor galego.

A organización agrogandeira condena unhas importacións que están a producirse ao mesmo tempo que esta e as demais industrias forzan baixadas de prezo nos contratos de aprovisionamento coas explotacións locais. Reducións impostas de maneira unilateral, eludindo a negociación e sen razóns de mercado que as xustifiquen que xa se deron no mes de abril, cando numerosos produtores deixaron de subministrar a Inlei debido ás baixas tarifas que pretendía aplicarlles.

A última redución imposta polas industrias supuxo a maior baixada intermensual rexistrada desde 2007 e significou un duro golpe ás ganderías, que se viron forzadas a aceptar un recorte do prezo do leite do 10% que non tivo en conta o aumento dos custos de produción das explotacións. Unha tendencia á baixa que, segundo todos os indicadores, as industrias pretenden repetir de novo na próxima renovación de contratos prevista para agosto, para a que Inleit está a ofrecer tarifas ata cinco céntimos inferiores ás doutras firmas.

A entrada de leite portugués na planta de Inleit súmase ao regueiro de incumprimentos, abusos e comportamentos moralmente reprobables por parte dunhas industrias lácteas que, cabe lembrar tamén, teñen recorrido no Tribunal Supremo a prohibición de compra a perdas introducida na Lei de Cadea Alimentaria.

CONCESIÓN DE AXUDAS

PARA A DIXITALIZACIÓN DO TEU NEGOCIO

  • Kit dixital para autónomos con ata 2 traballadores
  • Axudas de 2.000 €
  • Prazo de solicitude aberto ata acabar fondos

Queres solicitalo? Infórmate na túa oficina de Unións Agrarias