UNIÓNS AGRARIAS INSTA Á XUNTA A LIDERAR UN PLAN DE ACTUACIÓN PARA ABRIR MERCADOS E EVITAR A PERDA DE UVA NA RIBEIRA SACRA

A preocupación é grande, pois nas adegas desta DO aínda se acumula viño da campaña anterior

Ou a Consellería do Medio Rural agarra o touro polos cornos e pon en marcha de xeito inmediato un plan de actuación para compensar a caída de vendas que afecta ao conxunto dos viños tintos do estado ou na próxima campaña os viticultores da Ribeira Sacra veranse forzados a deixar sen recoller unha boa cantidade de uva. Esas son as perspectivas para a próxima campaña, cara á que tanto os viticultores como as adegas desta denimación de orixe ollan con fonda preocupación debido á cantidade de viño do ano pasado que aínda non ten saído ao mercado. Unha situación ante a que Unións Agrarias insta á Xunta de Galicia a actuar con urxencia, da man de produtores, adegas e Consello Regulador, para activar medidas que permitan buscar alternativas e facer fronte a esta problemática a curto, medio e longo prazo.

Existe unha fonda preocupación xeral no sector: tanto dos viticultores como das adegas, ante a que a Consellería debe poñerse a traballar sen demora, da man das DOs. É a petición que hoxe realizou Unións Agrarias, convencida dos graves problemas que a Ribeira Sacra deberá enfrontar en cuestión de meses se a administración non actúa antes.

Se ben a caída de vendas que afecta aos viños tintos non é exclusiva da Ribeira Sacra, senón que afecta a todas as denominacións de orixe do estado, a situación é especialmente delicada nunha zona dedicada exclusivamente a este tipo de caldos.

Xa na última campaña Unións Agrarias alertou dos problemas de recollida que se deron na Ribeira Sacra debido ao estancamento do mercado estatal de tinto no que se vende a práctica totalidade dos caldos producidos nesta DO. Unha problemática ante a que, lamentablemente, a Consellería do Medio Rural non ten feito absolutamente nada ata o de agora. “Mentres noutras Comunidades Autónomas xa se fixo destilación de crise ou poda en verde, a Xunta de Galicia olla para outro lado”, lamenta a organización, convencida da urxencia dunha problemática que, de non atallarse, terá importantes consecuencias para o conxunto da economía da Ribeira Sacra.

Unións Agrarias insta ao goberno galego a poñer enriba da mesa de xeito inmediato orzamento para impulsar unha destilación de crise e sacar das adegas o viño que segue acumulado de campañas anteriores. “Facelo resulta imprescindible para facer sitio á uva do 24 que, doutro xeito, será imposible que se recolla na súa totalidade”.

Unións Agrarias aposta tamén por realizar algunha vendima en verde que permita regular o mercado e, a medio/longo prazo, por traballar no deseño dun plan de actuación, da man de adegas e viticultores, que aporte solucións no eido das exportacións e a apertura de novos mercados internacionais; así como no que ten que ver coa reestructuración de viñedos e a posibilidade de impulsar cambios varietais que dean un valor engadido aos viños da Ribeira Sacara e potencien as súas vendas.

“A Xunta debe abrir de xeito inmediato mesas de traballo para evitar o grave problema que en seis meses podemos ter enriba. Pero tamén con visión de futuro, con especial énfase no eido da promoción”. É a petición que esta mañá realizou dende Monforte Unións Agrarias, que tamén insta á Consellería do Medio Rural a compensar economicamente as posibles perdas, tendo en conta o lucro cesante provocado aos viticultores.

CONCESIÓN DE AXUDAS

PARA A DIXITALIZACIÓN DO TEU NEGOCIO

  • Kit dixital para autónomos con ata 2 traballadores
  • Axudas de 2.000 €
  • Prazo de solicitude aberto ata acabar fondos

Queres solicitalo? Infórmate na túa oficina de Unións Agrarias