Viño

Con cinco Denominacións de Orixe e un volume de produción de uva que excede os 60 millóns de quilos anuais, o sector vitivinícola é un dos piares do agro galego. 

A proxección internacional e o renome dos viños producidos nas numerosas adegas de Galicia xurde, porén, dunha rede de pequenos produtores. Viticultores que, no 85% dos casos, traballan parcelas de menos de dúas hectáreas, dando lugar a un extenso sector integrado por arredor de 7.000 agricultores.

Conseguir as mellores condicións para ese amplo grupo de produtores de uva é o principal obxectivo de Unións Agrarias, que conta con representación en todos os Consellos Reguladores das denominacións de orixe galegas.

A principal loita céntrase en acadar contratos homologados que aporten estabilidade e garantías a uns viticultores que, a pesar do volume de negocio que se move arredor do viño, seguen a verse forzado a aceptar as condición que impoñen as adegas que non sempre cumpren coa Lei de Cadea.

Xa no 2006 a nosa organización impulsou unha primeira negociación que foi todo un éxito. Porén, os contratos homologados acordados naquel momento desapareceron no 2011 a causa do desinterese da Xunta de Galicia. Hoxe, tras a aprobación dun novo contrato homologado a nivel estatal, conseguir que o seu emprego sexa a norma nas relación entre viticultores e adegas é o reto. Así como contar cun Rexistro Público de Contratos que aporte estabilidade aos produtores, de xeito que estes poidan coñecer de antéman o prezo que van percibir polas uvas producidas. Un obxectivo básico e esencial para dotar de todas as garantías a uns agricutores que, como todos os produtores de bens perecedeiros, precisan dun marco estable que lles evite sorpresas e que poña en valor a súa producción.

A defensa das colleitas autóctonas é, precisamente, outra das patas sobre as que se sustenta a acción de Unións Agrarias en relación co sector vitivinícola. A posta en valor da uva producida nas parcelas das distintas denominacións é un elemento básico á hora de conseguir mellores prezos e condicións para os nosos produtores. Por iso traballamos para poñer couto á importación de uva foránea e garantir a orixe autóctona da materia prima empregada polas adegas galegas. Con esta finalidade, esforzámonos por conseguir a implicación da Inspección de Fraudes da Xunta de Galicia nos Consellos Reguladores e por mudar o rendemento fixo por hectárea por unha fórmula variable, que poida adaptarse anualmente á realidade de cada unha das distintas zonas produtivas e das súas colleitas.

Conseguir as mellores condición para os pequenos produtores sobre os que se asenta a viticultura en Galicia é o principal obxectivo de Unións Agrarias

CONCESIÓN DE AXUDAS

PARA A DIXITALIZACIÓN DO TEU NEGOCIO

  • Kit dixital para autónomos con ata 2 traballadores
  • Axudas de 2.000 €
  • Prazo de solicitude aberto ata acabar fondos

Queres solicitalo? Infórmate na túa oficina de Unións Agrarias