Gandería Integrada

Avícola

Arredor de 700 granxas integran o tecido vinculado á produción avícola en Galicia. Un sector que, coa excepción dalgunhas pequenas producións, funciona de xeito integrado practicamente ao 100%.

A través da Asociación de Criadores Avícolas de Galicia (ACRIAGA), en Unións Agrarias traballamos para conseguir que a relación entre os propietarios de granxas e as grandes empresas integradoras se desenvolva nas mellores condicións posibles, e do xeito máis xusto e beneficioso. Para elo a principal loita baséase no establecemento de contratos de integración claros e precisos, que protexan os intereses dos gandeiros e eviten abusos.

Sabemos que os principais factores que influirán sobre os resultados da produción das granxas avícolas son o tipo de polo que se lles subministra, as condicións sanitarias nas que este chega ás instalación e a calidade dos piensos cos que é alimentado. Factores que non dependen en ningún caso do granxeiro, senón da empresa integradora que é a que subministra tanto os animais como os produtos alimenticios precisos para a cría.

Así as cousas, dende Unións Agrarias traballamos polo establecemento dun marco contractual que recolla co maior detalle posible todas as especificidades e os factores que inflúen no desenvolvemento da produción; que delimite de xeito claro as responsabilidades das partes e protexa os intereses dos nosos produtores avícolas.

Cunícola

O sector cunícola ten experimentado un importante repunte nos últimos anos. Crecemento que chega, porén, logo de épocas complicadas consecuencia dos baixos prezos que estaban a pagarse pola carne de coello.

Trátase dun sector mixto, no que a produción integrada e a non integrada conviven a partes iguais. E no que a principal demanda se centra na necesidade de dotar de estabilidade a uns prezos demasiado variables, e que ata non hai moito non chegaban a cubrir sequera os custos de produción.

Dende Unións Agrarias traballamos pola defensa de prezos dignos que deixen marxes de beneficio suficientes para garantir a rendabilidade das granxas e o futuro da actividade. Con 257 explotacións dedicadas á produción de carne e ao aproveitamento da pel para a industria textil, Galicia sitúase actualmente á cabeza do estado en produción cunícola. Un primeiro posto que recentemente lle ten arrebatado a Cataluña, grazas ás 14.000 toneladas de carne que saen anualmente das súas granxas. Ese repunte non evita, porén, a inestabilidade dun sector que segue a caracterizarse por unha excesiva dependencia dos prezos de lonxa. Unha situación que obriga a incrementar a transparencia das mesmas e a implementar sistemas que teñan en conta a situación real do mercado á hora de fixar os prezos de venda. Especial atención merecen tamén as estratexias comercias de moitas grandes superficies. Que, ao igual que acontece co leite, empregan a carne de coello como reclamo. Unhas estratexias que deterioran a imaxe do produto e que atentan contra os intereses dos produtores.

Porcino

Con 1,1 millóns de prazas de porcino e un volume de negocio que move arredor de 600 millóns de euros anuais, Galicia ten neste sector un importante foco de actividade e xeración de riqueza. Porén, ao igual que acontece no avícola trátase dun sector integrado prácticamente ao 100%, no que os propietarios de granxas quedan a expensas das integradoras e os resultados das súas producións dependen da calidade dos exemplares e produtos alimenticios que estas lles subministren.

Dende Unións Agrarias entendemos que cada vez resulta máis urxente falar dunha Lei de Integración capaz de regular de xeito homoxéneo a todos os sectores implicados. E traballamos para conseguir contratos de integración claros e detallados e por facelos cumprir.

Así as cousas, dende Unións Agrarias esforzámonos polo establecemento dun marco contractual que recolla co maior detalle posible todas as especificidades e os factores que inflúen no desenvolvemento da produción. E que delimite de xeito claro as responsabilidades das partes e protexa os intereses dos nosos produtores de porcino.

En Unións Agrarias traballamos para conseguir que a relación entre os propietarios de granxas e as grandes empresas integradoras se desenvolva nas mellores condicións posibles e do xeito máis xusto e beneficioso

CONCESIÓN DE AXUDAS

PARA A DIXITALIZACIÓN DO TEU NEGOCIO

  • Kit dixital para autónomos con ata 2 traballadores
  • Axudas de 2.000 €
  • Prazo de solicitude aberto ata acabar fondos

Queres solicitalo? Infórmate na túa oficina de Unións Agrarias