Critica as trabas por parte da Xunta; que alén de non achegar os fondos comprometidos está a atrasar sen motivo aparente a tramitación da aportación estatal
Santiago, 28 de xullo de 2022.- Unións Agrarias insta á Xunta de Galicia a actuar con dilixencia e a axilizar a tramitación do plan estatal de axudas para paliar a suba de custos derivada da guerra de Ucraína no sector produtor. A organización agrogandeira considera inaceptable a actitude da administración autonómica que, alén de non ter complementado o orzamento do Ministerio para o sector cárnico con fondos propios, tal e como anunciara en marzo, está a obstaculizar o procedemento de maneira incomprensible e inaceptable impedindo que a partida do goberno central chegue ás contas dos gandeiros galegos.
Unións Agrarias denuncia o dobre agravio comparativo que están a padecer os produtores de carne, claramente discriminados en relación aos de leite: tanto en contía como en celeridade. Mentres que a axuda estatal para o lácteo foi ingresada directamente polo executivo central ás contas dos gandeiros, os produtores de carne seguen agardando por unha achega que, finalmente e contra toda lóxica, será substancialmente inferior á percibida polos de leite debido aos incumprimentos do goberno autonómico.
Hoxe mesmo o Ministerio publica a resolución complementaria que recolle as alegacións presentadas polos gandeiros de leite ao plan estatal de axudas para este sector. Porén, mentres os produtores lácteos xa teñen percibido ese ingreso no caso da carne a Xunta segue sen facer público o listado de beneficiarios. Unha falta de dilixencia que para Unións Agrarias resulta absolutamente inaceptable.
Unións Agrarias lembra que hai catro meses que o daquela presidente da Xunta de Galicia anunciara públicamente un complemento de 18 millóns de euros ao plan estatal de axudas ao sector cárnico. E destaca que a tramitación dese complemento autonómico ao plan estatal foi o único motivo que levou a deixar en mans das Comunidades Autónomas a tramitación das axudas ao cárnico.
Unións Agrarias insta á Xunta de Galicia a deixar de entorpecer o procedemento e a axilizar os trámites para que os produtores de carne poidan percibir de inmediato os fondos comprometidos. A organización pon o foco nas granxas de polo e coellos, extremadamente dependentes do consumo enerxético. Así como na situación de extrema vulnerabilidade na que se atopan as de carne de vacún. Nese senso, lembra a grave crise de rendibilidade que atravesan estas explotacións, que por cada quilo de carne están a percibir un euro menos do que lles custa producila. E denuncia a falla de eficiencia e sensibilidade do Goberno galego, que segue deixando pasar os meses sen cumprir coa parte que lle toca para que eses as necesarias axudas poidan chegar ás mermadas contas dos produtores.
Alén diso, Unións Agrarias insta á Xunta a cumprir tamén cos compromisos adquiridos para rematar coa venda a perdas e garantir o cumprimento da Lei de Cadea no cárnico de vacún. E reclama a urxente posta en marcha do Observatorio de Custos e da AICA galega comprometidas no marco do acordo impulsado por UUAA e asinado por distribución e matadoiros.
UUAA lembra o carácter estratéxico do sector produtor de carne: o derradeiro soporte económico e social para comarcas enteiras nas que o despoboamento e o colapso demográfico son xa unha realidade. E destaca o imprescindible papel que realizan dende o punto de vista da xestión do territorio e a prevención dos lumes. En Galicia temos 20.000 explotacións de carne de vacún das que 8.000 están inscritas en Ternera Gallega e 6.000 poden considerarse profesionais. O 32% das mesmas atópanse en zonas de montaña: en torno a 2.500.