UNIÓNS AGRARIAS PRESENTARÁ ALEGACIÓNS CONTRA A INSTALACIÓN DA PLANTA DE ALTRI NA ULLOA

A organización oponse a un proxecto que xera moitísimas dúbidas ambientais e no que ten que ver co futuro da actividade agrogandeira

Unións Agrarias oponse á instalación da planta que Altri pretende construír no concello de Palas de Rei. Un proxecto que dista moito do presentado no seu día, que nada ten de innovador e que bate frontalmente cos intereses da poboación da contorna e co mantemento da actividade agrogandeira.

Moitas dúbidas e preocupación no que ten que ver coa posible contaminación e co emprego de auga da planta e unha total incongruencia entre o proxecto presentado no seu día e o que nestes moimentos está sobre a mesa e sobre o papel. É a base das alegacións que Unións Agrarias presentará nos vindeiros días contra a planta que Altri quere ubicar na comarca da Ulloa. “Unha celulosa estándar, cun 70% da súa produción dedicada á pasta de papel e apenas un 30% para fibras” a cuxa construción se opón a organización agrogandeira.

Unións Agrarias lamenta que, moi lonxe do que Altri anunciara no seu día, no proxecto que nestes momentos se coñece non existe innovación, nin no que ten que ver co proceso nin tampouco co produto. Un proxecto sen ambición ambiental que xera moitísimas dúbidas no que a convivencia coa actividade agrogandeira se refire; máis aínda no que ten que ver coa posibilidade de mantemento das explotacións en ecolóxico ubicadas na contorna da posible ubicación da planta.

Na mesma liña, Unións Agrarias non pasa por alto as dúbidas que este proxecto xera tamén en relación coas posibilidades de abastecemento de materia prima. Nese senso, a organización lembra que a día de hoxe o marco normativo é estrito no que a novas plantacións de eucalipto se refire así como á imposibilidade de dedicar a esta finalidade terreos dedicados a actividade gandeira ou a plantación de frondosas.

Unións Agrarias lamenta o escurantismo arredor do proxecto e a falla de transparencia e información clara e veraz por parte da promotora do mesmo. Así as cousas, destaca a imposibilidade de apoiar un proxecto que bate cos intereses do sector agrogandeiro e cuxa repercusión ambiental podería ter repercusións nefastas, tanto para esta actividade como para a calidade de vida e os recursos naturais dos concellos ubicados no cauce do río Ulla.

CONCESIÓN DE AXUDAS

PARA A DIXITALIZACIÓN DO TEU NEGOCIO

  • Kit dixital para autónomos con ata 2 traballadores
  • Axudas de 2.000 €
  • Prazo de solicitude aberto ata acabar fondos

Queres solicitalo? Infórmate na túa oficina de Unións Agrarias