Santiago, 16 de abril de 2024.- As explotacións agrogandeiras poden esquecerse da obrigatoriedade de contar cun veterinario de explotación e cun Plan Sanitario Integral, así como da introdución obrigatoria de identificación electrónica para bovino inicialmente prevista para os animais nacidos a partir do 30 de xuño de 2024. De acordo co compromiso adquirido e rubricado hai dúas semanas entre Ministerio de Agricultura e Unión de Pequenos Agricultores e Gandeiros-UPA, as tres medidas teñen quedado xa oficialmente aprazadas por un ano. Porén, a organización confía en a que a súa retirada se convirta en definitiva, e nos vindeiros días volverá sentar co departamento que dirixe Luis Planas para pechar esta e outras melloras para as explotacións gandeiras do país.
Unións Agrarias UPA celebra o desafogo que para as explotacións gandeiras galegas supón a retirada das tres polémicas medidas. Obrigas que supuñan un aumento da carga económica e burocrática e que nada aportaban en materia de seguridade ou benestar animal. É o argumento que a organización leva meses defendendo, e que tras as negociacións mantidas co Ministerio este ten aceptado por fin.
Se ben a retirada do veterinario de explotación, do plan sanitario e da identificación electrónica que xa está en vigor se ten aprobado unicamente para o prazo dun ano, nos vindeiros días a organización voltará ás mesas de negociación co Ministerio para conseguir estabilizar estas medidas no tempo, posto que actualmente as ganderías xa contan con cobertura veterinaria suficiente grazas á cobertura que aportan as ADS.
Unións Agrarias-UPA destaca a necesidade de seguir avanzando para acometer melloras que garantan unha mellor rentabilidade para as explotacións gandeiras galegas. Así, a organización continuará traballando en Madrid para dar forma a unha batería de medidas que permitan seguir avanzando nesa liña, como a implementación dunha liña de axudas vinculada ao saneamento gandeiro que permita cubrir tanto a reposición como o lucro cesante provocado pola perda de animais ás explotacións.
A organización confía en que a mesa de negociación que se porá en marcha nos vindeiros días lle permita avanzando na adaptación do Decreto de ordenación de explotacións gandeiras e, máis concretamente, no referente á categoría na que están encadradas as gandarías e no que ten que ver co cumprimento do benestar animal.