Unións Agrarias insta á Xunta de Galicia a actuar con premura e axilizar os pagos da PAC, así como os de todas as axudas pendentes. A organización agrogandeira considera inxustificable o atraso que acumulan as contías Agroambientais ou as correspondentes aos Eco-Reximes, e apela ao sentido da responsabilidade da administración autonómica para desbloquear uns fondos indispensables para as contas das explotacións galegas.
A día de hoxe os agricultores e gandeiros galegos aínda non teñen percibido o ingreso correspondente a diversas axudas da Política Agraria Común correspondentes ao ano pasado. Unha situación inadmisible que Unións Agrarias insta a correxir canto antes e que non afecta unicamente aos fondos PAC.
A organización agrogandeira non entende que, nun ano especialmente marcado polos condicionantes climáticos, o estancamento do mercado cárnico e as repetidas baixadas no prezo do leite a Xunta de Galicia non poña da súa parte para contribuír a aliviar o afogo económico que padecen as explotacións. Unións Agrarias lembra que outras Comunidades Autónomas realizaron o pagamento das axudas da PAC hai xa varios meses. Así as cousas, fai un chamamento para que a administración autonómica desactive canto antes o bloqueo destes fondos e axilice unha inxección económica vital para as contas do sector produtor