UNIÓNS AGRARIAS LAMENTA A ADOPCIÓN DE SUPOSTOS APOIOS SEN IMPACTO REAL NO SECTOR AGROGANDEIRO

A exención do IBI de rústica aprobada polo goberno suporá unha axuda practicamente nula para os profesionais do campo en Galicia  

Santiago, 21 de xuño de 2023.- Unións Agrarias lamenta a toma de decisións e a adopción de supostas axudas ao sector agrogandeiro que, na realidade, non terán apenas incidencia nas contas das explotacións. É o que acontece coa resolución para a compensación da exención do IBI de natureza rústica recentemente publicada no BOE. Unha medida benintencionada que, á hora da verdade, terá un impacto practicamente nulo para o sector en Galicia.

No marco do Real Decreto de medidas para paliar os efectos da seca o goberno ven de aprobar unha resolución para a exención do IBI de rústica para os titulares de explotacións agrogandeiras. Unha medida supostamente positiva que, porén, semella ter sido adoptada sen unha análise previa de impacto.

Unións Agrarias fai un chamamento para que, no futuro, antes de propoñer e aprobar medidas supostamente destinadas a apoiar aos profesionais do campo as administracións contrasten o impacto real das mesmas. E é que a resolución que ven de entrar en vigor pasará sen pena nen gloria: tanto polos requisitos que establece como polo impacto económico real que supón debido ás baixas taxas do IBI de rústica.

Para poder beneficiarse desta exención é requisito que o titular catastral sexa o mesmo que o titular da explotación agrogandeira. Algo que, na práctica, en Galicia acontece nunha porcentaxe ínfima dos casos. Alén diso, a excesiva carga borocrática asociada ao procedemento unida á mínima repercusión económica que suporá (os importes para o IBI de rústica están suxeitos a cotas moi baixas) sen dúbida se traducirá nun impacto cero do mesmo.

Un gandeiro ou agricultor que desexe beneficiarse desta medida deberá solicitalo expresamente e acreditar unha diminución do rendemento neto da súa actividade nos 3 anos previos de cando menos un 20% para as explotacións ubicadas en municipios de montaña e do 30% para as demais. Logo diso, serán os Concellos os que soliciten a compensación ao Ministerio de Facenda.

Unións Agrarias non entende que se obrigue ao sector a cumprir con semellantes requerimentos cando é máis que coñecido o impacto económico que a suba de custos de produción, derivada primeiro da invasión de Ucraína e logo da seca, están a supoñer para as explotacións.  Nese senso, a organización insta ás administracións a actuar con sensibilidade e rigor e a apostar por axudas directas e procedementos que supoñan un impacto real, directo e inmediato para agricultores e gandeiros.

CONCESIÓN DE AXUDAS

PARA A DIXITALIZACIÓN DO TEU NEGOCIO

  • Kit dixital para autónomos con ata 2 traballadores
  • Axudas de 2.000 €
  • Prazo de solicitude aberto ata acabar fondos

Queres solicitalo? Infórmate na túa oficina de Unións Agrarias