Vacún de Leite
Cun 55% das explotacións do estado, Galicia é líder na produción de leite. A posta en valor do produto e a defensa duns prezos dignos para os nosos gandeiros son os principais retos que enfrontamos dende Unións Agrarias. Obxectivos que non sempre resultan doados de acadar, pois demasiado a miúdo vemos como o leite é empregado como reclamo comercial e ofertado a prezos por debaixo do que marca a legalidade vixente.
A pesar da forza do sector lácteo en Galicia, potencia que ocupa o quinto lugar entre as rexións europeas con maior volume de produción de leite, queda aínda camiño que percorrer no desenvolvemento dunha industria que na súa maior parte se caracteriza polo monoproduto.
A través da Asociación Sectorial Láctea Galega (ASELAGA) e da Unión Leiteira Galega (ULEGA) esforzámonos por mellorar as condicións dos nosos produtores de leite; que demasiado a miúdo se atopan con estratexias comerciais que menoscaban a imaxe de calidade da nosa produción leiteira. Nese senso, apostamos decididamente polo reforzo da negociación colectiva. A única ferramenta capaz de blindar os intereses dos gandeiros fronte aos posibles abusos da industria e garantirlles condicións e prezos dignos.
En Unións Agrarias entendemos que é necesario reforzar as estruturas industrias ligadas ás explotacions lácteas galegas mediante o impulso de novas liñas de produción que aposten pola diversificación. Un xeito de aportar valor engadido, xerar riqueza e crear novos nichos de negocio e emprego vinculados ao rural vivo que queremos