25 de outubro de 2023- Unións Agrarias trasladou onte a Medio Rural as súas propostas para poñer freo aos abusos e incumprimentos das industrias agroalimentarias. A organización aproveitou a xuntanza coas organizacións agrarias convocada pola Consellería para abordar as baixadas do prezo do leite impostas este ano para agradecer a toma de posicionamento da administración autonómica e solicitar a implementación de medidas concretas que teñan consecuencias inmediatas e garantan o cumprimento da Lei de Cadea, tanto neste como nos demais sectores produtores.
“É necesaria estabilidade, é necesario frear o novo intento de rebaixa dos prezos do leite das industrias que suporá dar un paso atrás, voltar ao pasado e a unha situación que nos levaría a unha perda de rendabilidade das explotacións inasumible”. É a mensaxe que os representantes de Unións Agrarias tralsadaron ao conselleiro e ao director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias nun encontro que Unións agarda sexa o primeiro chanzo cara á configuración dun novo escenario de relacións xustas entre produtores e industrias.
Unións Agrarias lembra que, alén das pertinentes demandas ante a AICA e a Comisión Nacional dos Mercados e da Competencia que a organización xa ten intermposto, e que a Consellería tamén ten anunciado se as industrias non desisten no seu intento de impoñer novas rebaixas no prezo do leite, é necesario implementar actuacións que teñan consecuencias a curto prazo. “Unha denuncia producirá unha resolución dentro de vinte anos, pero o que necesitamos é unha solución inmediata”, destaca a organización. Nese senso, os representantes de Unións aproveitaron a xuntanza para volver reclamarlle á Consellería que vete o acceso a axudas públicas tanto ás industrias que incumpran a Lei de Cadea de forma grave como a aquelas que discriminen ao sector produtor galego abonando ás explotacións da nosa Comunidade prezos inferiores aos que pagan noutras zonas do estado. “Non é normal que esteamos avalando con cartos públicos comportamentos que non entran dentro do marco legal do noso país. E necesitamos que se tomen iniciativas de forma inmediata por parte da Consellería do Medio Rural para que dunha vez por todas se paralice este anuncio de rebaixa das industrias lácteas e comezar a negociar contratos xustos a longo prazo”.
Nese senso, Unións Agrarias tamén trasladou á Consellería a súa proposta para a activación de mecanismos de indexación que eviten distorsións e permitan impulsar contratos con prezos acordes á realidade e á evolución do mercado. “É necesario contar con ferramentas e mecanismos que nos permitan garantir prezos xustos, para o sector produtor e para todos os elos da cadea. O cumprimento estrito da Lei de Cadea no que ten que ver coa premisa de que ningún elo cobre por debaixo do que lle custa producir debe ser unha realidade a curto prazo, e para elo debemos contar con referencias obxectivas que nos permitan indexar prezos e ter claro en que momento o leite debe subir ou baixar en relación a datos obxectivos de mercado ou á evolución dos custos de produción. Un obxectivo básico que evitaría as friccións constantes que se producen dentro do sector lácteo”, remarca a organización.