UNIÓNS AGRARIAS PIDE O USO DE GAIOLAS PARA ATALLAR OS DANOS DO XABARÍN

No concello de Beade os danos provocados nos viñedos son moi graves

Santiago 7 de xullo de 2023.- Unións Agrarias ven de enviar un escrito á Consellería de Medio Ambiente para solicitar uso de gaiolas para a captura de xabarís como medida complementaria na xestión de danos nas zonas libres de caza do concello de Beade. A organización fai un chamamento para que a administración adopte esta actuación dada a gravidade dos reiterados danos que están a sufrir as explotación vitivinícolas da zona.

As medidas usadas ate o momento -batidas e esperas-, teñen resultado bastante ineficaces polo minifundismo, á vez que a proximidade de vivendas e zonas de seguridade limita seriamente as posibilidades das prácticas cinexéticas para a redución da presencia destes grupos de animais.

Para a UUAA o uso complementario de gaiolas para a captura de grupos familiares de xabarís é un sistema moi eficaz en prevención de danos cando se utiliza baixo criterios de manexo profesional, sendo un método moi utilizado para resolver graves problemas de danos en cultivos en distintas zonas de España. As gaiolas están a permitir a captura de grupos familiares enteiros de xabarís que son retirados de parcelas hortofrutícolas e de cultivos, onde as incursións do xabaril lles provocan perdas de miles de euros en danos nos cultivos, nas colleitas e mesmo nos sistemas de rega, así como riscos de contaxios zoosanitarios para poboacións gandeiras locais e hibridacións indesexadas co gando porcino manexado en extensivo.

En Galicia este sistema non se está a utilizar, por retraso no desenvolvemento normativo, descoñecemento do sistema e claros prexuízos por parte de sectores de cazadores, e de técnicos da propia Administración, que se opoñen ao uso do mesmo na prevención de danos na agricultura. Desde Unións Agrarias xa ten solicitado desta Administración o desenvolvemento normativo do uso deste sistema de prevención de danos, de xeito complementario ás medidas de control por caza.

Neste sentido reclama que o manexo de gaiolas se realice persoal profesional de entidades debidamente acreditadas e con seguros de responsabilidade civil en vigor. Ademais o custo de despregamento das gaiolas vaia a cargo da Vicepresidencia segunda e Consellería de Medio Ambiente e que sexan os propios servizos técnicos e veterinarios da Consellería de Medio Ambiente os encargados do eutanasiado e xestión dos cadáveres.

CONCESIÓN DE AXUDAS

PARA A DIXITALIZACIÓN DO TEU NEGOCIO

  • Kit dixital para autónomos con ata 2 traballadores
  • Axudas de 2.000 €
  • Prazo de solicitude aberto ata acabar fondos

Queres solicitalo? Infórmate na túa oficina de Unións Agrarias