O TRIBUNAL SUPERIOR DE XUSTIZA DE GALICIA AVALA A DEMANDA DE UNIÓNS AGRARIAS E OBRIGA Á XUNTA A ELIMINAR O REQUISITO DOS INGRESOS MÍNIMOS DAS AXUDAS PARA AUTÓNOMOS E MICROEMPRESAS

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia ven de respaldar a denuncia presentada hai algo máis dun ano por Unións Agrarias pola discriminación que a liña de axudas Programa Autónomos supuña para as e os profesionais con ingresos máis baixos. O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia danos agora a razón e obriga á administración autonómica a correxir a convocatoria eliminando o requisito que deixaba fóra aos autónomos con ingresos inferiores a 10.000 € e ás microempresas cunha facturación por debaixo dos 50.000€.

Cando, a comezos do 2023, a Xunta de Galicia facía pública a convocatoria do Programa Impacto Autónomo, destinado a axudar aos profesionais de distintos sectores a paliar as consecuencias da suba de custos de produción e materias primas derivada da invasión de Ucraína, desde Unións Agrarias alzabamos a voz para denunciar o sesgo discriminatorio desta convocatoria. E é que, para acceder a ela, a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade do Goberno galego esixía aos posibles beneficiarios contar con ingresos superiores aos 10.000 euros no caso dos autónomos, e de 50.000 para as microempresas.

A consecuencia do límite de ingresos establecido pola Xunta, a totalidade das explotacións produtoras de carne de vacún de Galicia víronse excluídas da convocatoria, así como aproximadamente a metade das de leite. En total, máis de 23.000 explotacións galegas, ás que habería que sumar as persoas autónomas e sociedades doutros subsectores que tamén padeceron o incremento dos custos enerxéticos e doutras materias primas e insumos, como o avícola, porcino, cunícola, vitícola ou hortícola.

A sentenza emitida agora polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia danos a razón, ao avalar a discriminación inxustificada que supuña vetar o acceso a esta liña pública de apoios aos profesionais con ingresos máis baixos: precisamente aqueles máis necesitados de axuda. Así as cousas, desde Unións Agrarias celebramos unha resolución xudicial que non só ratifica os nosos argumentos, senón que senta un precedente e traza liñas vermellas para que a administración non volva vulnerar os dereitos do sector produtor e trate con xustiza e equidade ao conxunto das persoas traballadoras.

CONCESIÓN DE AXUDAS

PARA A DIXITALIZACIÓN DO TEU NEGOCIO

  • Kit dixital para autónomos con ata 2 traballadores
  • Axudas de 2.000 €
  • Prazo de solicitude aberto ata acabar fondos

Queres solicitalo? Infórmate na túa oficina de Unións Agrarias