UNIÓNS AGRARIAS ALERTA DA POSIBLE INSTALACIÓN DE PARQUES EÓLICOS A ESCASOS METROS DE NÚCLEOS RURAIS HISTÓRICOS

Santiago, 8 de maio de 2024.- Unións Agrarias alerta da posible instalación de parques eólicos a escasos metros de núcleos rurais históricos. A pesar de que a normativa vixente establece unha distancia mínima entre os parques e os núcleos rurais consolidados de 5 veces a altura dos aeroxeradores (o que resultaría nuns 1.000 metros) dase a circunstancia de que a meirande parte dos planeamentos de ordenación urbanística de Galicia non se atopan debidamente actualizados. Unha situación alarmante que abre a porta á ubicación de novas instalacións de xeración de enerxía ás portas de áreas poboadas.

Unións Agrarias insta á Xunta de Galicia  a tomar cartas no asunto e a realizar os trámites que sexan precisos para evitar que nin un só dos 42 novos parques que nestes momentos se atopan en tramitación por vía autonómica se instalen a menos dos 1.000 metros legalmente establecidos. A organización ten constancia das intencións dalgunhas promotoras de aproveitar o baleiro legal que se abre en torno a numerosos núcleos históricos galegos sen catalogar para ubicar aeroxeradores practicamente ás portas de núcleos de vivendas. Unha aberración á que compre poñer couto, e que as propias empresas, por responsabilidade social, deberan evitar.

A instalación dun aeroxerador de 200 metros de altura a 200 metros dunha zona poboada no só supón unha incomodidade e unha merma da calidade de vida da veciñanza no que a contaminación sonora e visual supón. Implica tamén un risco enorme no que a posibilidade de accidentes se refire, que en ningún caso pode ser asumido.

Unións Agrarias e Ventonoso animan a toda a veciñanza das zonas afectadas pola posible instalación de novos parques a poñerse en contacto coa organización para recibir o asesoramento legal preciso e darlles respaldo en posibles reclamacións ou acción legais ou administrativas.

Os 42 novos parques proxectados suporían a instalación de máis de 1000 novos megawatios. 18 deles situaríanse na provincia de Pontevedra, 11 en Lugo, 8 na Coruña e 5 en Ourense.  

CONCESIÓN DE AXUDAS

PARA A DIXITALIZACIÓN DO TEU NEGOCIO

  • Kit dixital para autónomos con ata 2 traballadores
  • Axudas de 2.000 €
  • Prazo de solicitude aberto ata acabar fondos

Queres solicitalo? Infórmate na túa oficina de Unións Agrarias