Santiago, 13 de xuño de 2023.- Unións Agrarias insta á Xunta de Galicia a habilitar axudas directas que palíen a forte suba de custos de produción que a seca está a provocar nas explotacións agrogandeiras. A falla de precipitacións ten feito que insumos básicos escaseen e disparen o seu prezo. Un encarecemento adicional que se suma ao que o sector xa viña padecendo a raíz da invasión de Ucraína que sitúa ao sector produtor nunha difícil coxuntura.
Unións Agrarias aproveitou a xuntanza convocada este martes pola Xunta de Galicia para avaliar os efectos da seca para solicitar o apoio decidido da Consellería do Medio Rural ante un escenario cada vez máis complicado para a rendabilidade do sector produtor. Se uns meses atrás adquirir un camión de palla custaba no entorno dos 1.200 euros, a escaseza provocada pola seca sitúa hoxe o prezo nos 2.600 euros. Unha contía que, coa suma dos portes se leva aínda máis e pode chegar a supoñer un desembolso de ata 4.000 euros para boa parte das explotacións galegas.
Unións Agrarias entende que negarlle a Galicia as axudas que si están a recibir outras Comunidades Autónomas para facer fronte a este escenario resulta totalmente discriminatorio; xa que o encarecemento de insumos como a palla é idéntico para todas as explotacións, sitúense onde se sitúen.
A organización solicitou ademais da Xunta que eleve o tope de apoio aos seguros agrarios ata o máximo permitido para estender unha cobertura coa que a día de hoxe segue sen contar un amplo número de profesionais do campo. Nese senso, Unións Agrarias lembra que neste momento a administración autonómica financia apenas o 14% dunhas pólizas ás que o goberno central aporta un 36%; un 50% en total, cando a normativa en vigor fixa o tope máximo desa achega no 70%.
Unións Agrarias lembrou a necesidade de impulsar a extensión dos seguros agrarios. Unha ferramenta moi importante á hora de facer fronte a eventualidades climáticas como as que nos últimas semanas se deron na zona do Ribeiro e na Ribeira Sacra a consecuencia do pedrazo e as treboadas. E avogou tamén polo apoio autonómico a pólizas colectivas para OPAs e organizacións de produtores.
A organización tamén deixou sobre a mesa a petición de que a Xunta de Galicia habilite circulante a coste 0 e posibilite o anticipo das axudas da PAC a coste 0 para agricultores e gandeiros. E volveu lembrar a necesidade de impulsar axudas directas para sectores en crise como a gandería de vacún de carne e a apicultura.