AS DEMANDAS DAS GANDERÍAS AO CÁRTEL DO LEITE AVANZAN NA AUDIENCIA NACIONAL

A reclamación das explotacións galegas ás industrias supera os 1.000 millóns de euros

Unións Agrarias-UPA compareceu este xoves na Audiencia Nacional no marco dunhas das demandas interpostas contra o cártel do leite. Un procedemento ao que, da man de Unións Agrarias, xa se teñen sumado máis de 7.000 ganderías que reclaman ás industrias uns 1.500 millóns de euros, máis intereses.

Unións Agrarias volveu condenar hoxe a actitude máis que cuestionable das industrias lácteas e incidiu na importancia de conseguir “que ese comportamento ilícito, que nada ten que ver co que amosan outras industrias da cadea agroalimentaria, quede acreditado”. E é que hai que lembrar que, logo de ter sido sancionadas pola Comisión Nacional dos Mercados e da Competencia por pactar prezos á baixa para o leite entre 2000 e 2013, as industrias teñen seguido incorrendo no mesmo tipo de prácticas, reducindo tarifas sen xustificación de mercado e, recentemente, tentando tumbar cun contencioso no Tribunal Supremo a prohibición de compra a perdas introducida na Lei de Cadea.

O pacto ilícito do Cártel do Leite provocou un empobrecemento de 2.600 millóns de euros para as ganderías; uns cartos que quedaron no peto das industrias e que agora a organización agrogandeira quere devolver ao sector produtor. No que respecta ás cifras galegas, á Comunidade pertencen máis de 5.000 das 7.000 ganderías que teñen canalizado a súa reclamación a través de Unións Agrarias-UPA e Eskariam (a empresa de servizos xurídicos coa que colabora a organización); que suman unha reclamación total de 800 millóns de euros aos que habería que sumar outros 250 correspondentes aos intereses de demora acumulados.

Unións Agrarias lamenta que, a pesar dos feitos máis que acreditados en relación aos comportamentos ilícitos das industrias, estas sigan resistíndose non só a aceptar responsabilidades, senón a mudar de proceder. Nese senso, o secretario xeral da organización, Roberto García, aproveitou a ocasión para facer un chamamento ao entendemento e consensuar un acordo que devolva aos afectados o que lles corresponde e evite o gasto de tempo e recursos que os procedementos xudiciais implican para todas as partes. Na mesma liña lembrou que o prazo para sumarse á reclamación ao cártel aínda segue aberto, polo que o número de ganderías que opten por esta vía podería seguir medrando nos vindeiros meses.

Dende o ano 2000 máis de 50.000 explotacións lácteas foron pechando como consecuencia dos comportamentos ilícitos e os continuos ataques das industrias á súa rendabilidade. Un xeito de proceder que unicamente poderá verse freado a través da visibilización pública e da aplicación de sancións contundentes.

CONCESIÓN DE AXUDAS

PARA A DIXITALIZACIÓN DO TEU NEGOCIO

  • Kit dixital para autónomos con ata 2 traballadores
  • Axudas de 2.000 €
  • Prazo de solicitude aberto ata acabar fondos

Queres solicitalo? Infórmate na túa oficina de Unións Agrarias