UUAA REXEITA O REAL DECRETO DO MINISTERIO PARA O RIBEIRO

Uns 800.000 quilos de uva quedarían sen recoller en pequenas parcelas

Ribadavia, 19 de agosto de 2020.- Unións Agrarias manifesta o seu total rexeitamento ao Real Decreto 557/2020 de 9 de xullo, no que o Ministerio de Agricultura non permite ampliar os rendementos por parcela mais alá dos 20.000 quilos de uva por hectárea. A organización lamenta unha normativa que parte dun descoñecemento temerario das características da estrutura do sector vitivinícola na DO Ribeiro, no que das 23.000 parcelas que compoñen a superficie produtiva, mais de 13.000 fincas apenas superan os 500 metros cadrados de extensión.

Con esta morfoloxía no uso da terra, que nace da idiosincrasia de viticultura social que caracteriza a Denominación de Orixe ourensá, resulta imposible aplicar a citada normativa; pois facelo suporía deixar sen vendimar mais de 800.000 quilos de uva, correspondentes ás parcelas dos máis de 800 viticultores cuxas explotacións non chegan a 1 hectárea de superficie.

Unións Agrarias lembra que o modelo de explotación vitivinícola de pequenos produtores fai posible manter esta actividade en moitos concellos ourensáns que apenas dispoñen doutro sector económico activo. De aí o seu carácter estratéxico desde o ámbito social, cultural e demográfico. Unha realidade diante da que nin o Ministerio nin a Xunta de Galicia poden permanecer de costas, sen actuar e provocando o peche definitivo de moitas explotacións e aldeas.

Desde Unións Agrarias reclámase que se manteña a excepcionalidade ata agora vixente e que se permita incrementar rendementos ata un 25%, dado que se trata de viñedos singulares cuxa estrutura produtiva non lles permite adaptarse á regra de 5.000 cepas por hectárea porque resultaría completamente antieconómico.

CONCESIÓN DE AXUDAS

PARA A DIXITALIZACIÓN DO TEU NEGOCIO

  • Kit dixital para autónomos con ata 2 traballadores
  • Axudas de 2.000 €
  • Prazo de solicitude aberto ata acabar fondos

Queres solicitalo? Infórmate na túa oficina de Unións Agrarias