UUAA DENUNCIA A INACCIÓN DA XUNTA ANTE A PRAGA DAS RATAS TOUPAS

Considera inaceptable que, case dous anos despois, se inicie a primeira acción piloto e non se teñan habilitado axudas para os afectados

Sarria, 23 de novembro 2020.- Unións Agrarias denuncia a inacción por parte da Consellería de Medio Rural para frear a praga de ratas toupa nos concellos da montaña de Lugo. A organización agraria lamenta o desleixo da administración autonómica; que ten deixado pasar case dous anos ata a posta en marcha da primeira actuación ao respecto: un plan piloto que non é máis ca un ensaio; e que, de dar resultados, deberá ser asumido polos propios agricultores e gandeiros. UUAA considera inaceptable que en todo este tempo a Xunta de Galicia teña feito ouvidos xordos ás peticións de axuda afectados; e que non se teña habilitado ningunha liña de axudas para paliar os cuantiosos danos.

Unións Agrarias non entende que, a pesar das reiteradas peticións de axuda lanzadas pola organización, a Xunta de Galicia teña adiado calquera medida ao respecto. “A posta en marcha de ensaios para probar distintos métodos para o control da praga que nos últimos días están a ser realizados por persoal de TRAGSA en distintas fincas da zona chega moi tarde. E dá boa mostra do escaso compromiso da administración cara aos problemas que afectan ao noso medio rural”.

Unións Agrarias lamenta que, máis aló destes trampeos experimentais, o goberno galego non conte cun plan de acción integral nin orzamento destinado á erradicación desta praga de roedores na totalidade da superficie afectada. Pola contra, as informacións dispoñibles apuntan que a Consellería pensa deixar en mans dos afectados a instalación dos trampeos. Actuación que tería un custo económico engadido aos cuantiosos danos que estes animais levan meses provocando, ante a pasividade do goberno galego.

UUAA lamenta que a Xunta de Galicia non teña tomado exemplo doutras comunidades autónomas da cornixa cantábrica como o Principado de Asturias; que no 2017 habilitou axudas de 700 euros por hectárea nas pradeiras de sega e 380 euros nas de pastoreo para os gandeiros afectados por un andazo similar ao que padece a montaña lucense.

En marzo de 2019 agricultores e gandeiros da contorna de Becerreá e Triacastela daban a voz de alarma ante os destrozos que uns pequenos roedores estaban a causar nos prados da zona. Un problema que non deixou de medrar, e que se ten extendido aos municipios das Nogais, Baralla, Cervantes, Folgoso do Courel, Navia de Suarna, Pedrafita do Cebreiro e Samos. Máis de 1.600 hectáreas e 3.000 parcelas afectadas, segundo os cálculos da propia Consellería.

CONCESIÓN DE AXUDAS

PARA A DIXITALIZACIÓN DO TEU NEGOCIO

  • Kit dixital para autónomos con ata 2 traballadores
  • Axudas de 2.000 €
  • Prazo de solicitude aberto ata acabar fondos

Queres solicitalo? Infórmate na túa oficina de Unións Agrarias