Modificar contratos en vigor para reducir prezos? Ilegal e intolerable! Imposible quedar calados ante a actitude de certas industrias lácteas, que ignoran a legalidade para impoñer rebaixas aos gandeiros galegos e aumentar a súa conta de beneficios a costa do traballo alleo. O responsable de Servizos de Unións Agrarias, Óscar Pose, denuncia en rolda de prensa as prácticas nas que estes días está a incorrer Inleit. Nin a AICA nin as administracións central e autonómica poden quedar caladas ante a actitude mafiosa de quen ignora a legalidade vixente. Polo que a organización agraria demanda unha actuación exemplar que poña os puntos sobre as íes e que poña couto ás industrias que teñan a tentación de abusar dos gandeiros.
Sen que exista ningún motivo relacionado coa evolución do mercado ou do consumo que o avale, Inleit pretende modificar os contratos de recollida do leite en vigor e impoñer unha rebaixa do prezo que afectaría arredor de 200 gandeiros galegos. Con este proceder a industria incumpre a Lei de Cadea, e é preciso que os gandeiros non se deixen amedrentar. A todos os que están a recibir estas “ofertas”, abusivas e ilegais, dicímoslles que non cedan. A legalidade está da súa parte, e non teñen por que renunciar aos seus dereitos e aceptar ningún tipo de presión.
Inleit pretende pasar por enriba da legalidade e ignorar os contratos de recollida do leite en vigor; moitos deles asinados hai apenas dous meses; para forzar aos gandeiros a aceptar rebaixas tanto na duración dos mesmos como no prezo estipulado. Unha dobre ilegalidade, pois a lexislación impide que as industrias oferten contratos de menos dun ano de duración aos produtores. Así como a modificación á baixa dos prezos recollidos nos mesmos. Ademais, o marco legal vixente establece que calquera proposta de contrato debe ser remitida ao gandeiro con dous meses de antelación. Requisito que tampouco está a cumprir Inleit, pois as modificacións de contrato que están a chegarlles aos gandeiros nestes días recollen como data de entrada en vigor o 1 de xullo.
Ante este panorama, non podemos máis que desconfiar das intencións das industrias. Resulta imposible non pensar que, logo deses tres meses aos que Inleit pretende limitar a relación contractual, as condicións para os gandeiros poderían empeorar. Máis aínda visto o enorme incremento das importacións de leite de terceiros países a baixo custo que están a producirse dende hai algúns meses, e que ameazan a estabilidade e o futuro do sector lácteo galego.