UNIÓNS AGRARIAS APOSTA POLA REVALORIZACIÓN E A PROCURA DE NOVOS MERCADOS PARA A TENREIRA GALEGA

A organización defenderá no pleno do Consello Regulador unha nova liña de traballo baseada na diferenciación e a posta en valor da calidade das carnes amparadas pola IXP

Unións Agrarias traballará para que a diferenciación, a revalorización e a procura de novos mercados para as carnes amparadas pola IXP Ternera Gallega se convirtan no buque insignia do Consello Regulador durante os próximos anos. A organización agrogandeira ven de facer públicas as propostas que defenderá no pleno dese Consello, previsto para o vindeiro xoves. Unha data que Unións agarda poida converterse nun punto de inflexión e no inicio dunha nova época que permita conquerir a suba de prezos e a posta en valor que as carnes de vacún galegas precisan, e merecen.

O 60% da carne amparada pola IXP Ternera Gallega comercialízase actualmente en Galicia. Unha tendencia que Unións Agrarias quere romper, coa vista posta na apertura de novos mercados, como o HORECA ou enclaves xeográficos con tirón turístico e maior poder adquisitivo, que permitan impulsar unha suba dos prezos das carnes galegas vinculada á súa diferenciación e calidade singular.

O acordo para a revalorización da tenreira galega impulsado por Unións Agrarias e asinado por matadoiros e cadeas de distribución conseguiu que no último ano os prezos da suprema pasasen dos 4,90€ aos 6.08€. Unha senda ascendente que non pode menos que considerarse positiva, pero na que é necesario seguir avanzando para garantir a rendabilidade e o futuro do sector e da actividade.

A calidade e a singularidade dunha carne caracterizada polo seu manexo e modo de cría tradicional, vinculado ao pastoreo ao aire libre e á alimentación do becerro a base de leite materna, son bazas que o sector non debe deixar pasar para conseguir reposicionar no mercado a carne de tenreira galega. Un produto que xa goza de excelente fama alén das fronteiras galegas, onde Unións Agrarias considera prioritario procurar novos nichos de mercado.

Logo de anos de estancamento de prezos e dun último período especialmente complicado para o sector produtor, moi tocado pola forte suba dos custos de produción derivada da invasión de Ucraína, Unións Agrarias entende que o traballo dende o Consello Regulador da IXP para revalorizar e reposicionar as carnes galegas resulta prioritario para o futuro da gandaría galega. Nese senso, Unións Agrarias lembrou tamén a necesidade de que a Xunta de Galicia impulse axudas directas para compensar a perda da renda sufrida polas ganderías galegas nos últimos anos. Dende o punto de vista da organización, non parece lóxico que a única compensación que se deu viñera do Goberno do estado e que o autonómico non teña posto aínda un só euro para axudar a un sector moi castigado polos baixos prezos e a suba de insumos. Tampouco que o Observatorio de Custos reclamado e comprometido siga sen funcionar como a ferramenta de control que o sector necesita para facer cumprir a Lei de Cadea Alimentaria. Nese senso, Unións Agrarias lanza unha mensaxe ao Goberno galego para que lembre os compromisos adquiridos e impulse as ferramentas efectivas que as explotacións galegas precisan.

Documento coas propostas de Unións Agrarias para o Pleno do CR de Ternera Gallega

CONCESIÓN DE AXUDAS

PARA A DIXITALIZACIÓN DO TEU NEGOCIO

  • Kit dixital para autónomos con ata 2 traballadores
  • Axudas de 2.000 €
  • Prazo de solicitude aberto ata acabar fondos

Queres solicitalo? Infórmate na túa oficina de Unións Agrarias