UNIÓNS AGRARIAS DENUNCIA A VENDA A PERDAS XERALIZADA DA CARNE DE VACÚN GALEGA

O sector está a vender o quilo de carne por un euro menos do que lle custa producilo

Unións Agrarias denuncia o incumprimento xeralizado da Lei de Cadea Alimentaria no sector cárnico de vacún galego. A organización destaca que, a día de hoxe, as explotacións galegas están cobrando por debaixo do que lles custa producir. A falla de que a Xunta de Galicia poña en marcha o Observatorio de Custos oficial comprometido, os datos dispoñibles reflicten un desfase de máis dun euro entre o que custa producir un quilo de carne e o prezo que as explotacións están a percibir por el. Así o indican tanto un estudo elaborado en Euskadi, que cifra o custo de produción da carne de vacún en 7,17 €/quilo; como o realizado pola Fundación Juana de Vega en Galicia, que eleva esa cifra ata os 7,66 €.

Estamos ante un sector cun problema estrutural endémico e ante un incumprimento xeralizado da Lei de Cadea que lastra o futuro do sector produtor de carne de vacún en Galicia e que non podemos seguir tolerando. A pesar da suba de prezos que se rexistrou dende a sinatura do acordo pola revalorización acadado entre todos os axentes implicados na cadea de valor da carne e amparado pola Xunta de Galicia, a revalorización das producións que saen das explotacións galegas aínda non ten acadado o mínimo suficiente para garantir a rendabilidade das mesmas.

Entre xaneiro de 2022 e xaneiro de 2023 o prezo que as explotacións galegas cobran pola carne que producen pasou dos 5,05 aos 6,12 €/quilo canal. Unha suba considerable que supón un aumento do prezo de arredor de 200 euros/becerro, pero insuficiente para cubrir o encarecemento xeralizado de insumos como os pensos, os carburantes ou os derivados dos plásticos.

Unións Agrarias fai un chamamento para que a Xunta de Galicia dea un paso adiante e cumpra cos compromisos adquiridos no que a acción promocional para apertura de novos mercados se refire. A organización lembra que ese era un dos obxectivos principais que a propia Consellería do Medio Rural puña sobre a mesa na presentación da Estratexia de Dinamización do Sector Cárnico de Galicia 2022-2030. Un documento que establecía un investimento anual mínimo de 800.000 euros en accións promocionais encamiñadas a esa fin. Porén, os fondos dos que o Consello Regulador da IXP Ternera Gallega disporá en 2024 para este capítulo acadan unicamente os 200.000€. Unha importantísima redución que lastra as posibilidades de actuación e que supón un freo ao indispensable esforzo que o sector produtor precisa neste eido.

A organización considera imposible acadar a necesaria rendabilidade do sector produtor de carne de vacún galego mediante unha suba do PVP dentro do mercado galego. Nese senso, Unións Agrarias é sensible co encarecemento da cesta da compra que as persoas consumidoras veñen sufrindo e considera imposible garantir o futuro do sector por esa vía. Así as cousas, incide na imperiosa necesidade de poñerse a traballar sen máis demora na procura de novos mercados para a carne galega.

Alén diso, Unións Agrarias insiste na necesidade de que a Xunta de Galicia active os mecanismos e ferramentas necesarios para poder realizar un seguimento periódico e estable da evolución de prezos e custos que garanta o cumprimento da Lei de Cadea Alimentaria. Nese senso, fai un chamamento para que a administración autonómica cumpra cos compromisos adquiridos e poña en marcha a AICA galega e o Observatorio de Custos.

Discriminación na PAC e outras liñas de axuda pública

A organización tamén lembra o agravio comparativo que o sector cárnico de vacún ven sufrindo no que a axudas públicas se refire. Unións lembra a indispensable función medioambiental deste sector, radicado principalmente nas zonas de montaña. Un papel insustituíble no que a xestión do territorio, loita contra o despoboamento e os incendios forestais se refire que non está a ser debidamente retribuído nen recoñecido. Así, no que ten que ver coas achegas do primeiro pilar da PAC, mentras que cada vaca dedicada a produción de leite percibe 150 euros da axuda a achega por animal de carne redúcese a uns 85.

Igualmente, mentres que a achega que as explotacións de carne percibiron para paliar a suba de custos derivada da invasión de Ucraína e pola seca ascenderon a 29,5 millóns de euros; o sector leiteiro percibiu 61 millóns de euros: a metade de apoio para un sector dobremente importante no que a función medioambiental se refire.

Na mesma liña, Unións Agrarias denuncia o mal deseño das axudas recentamente anunciadas pola Xunta de Galicia para o sector. Un enfoque que deixa fóra a máis da metade dos animais comercializados en Galicia e que unicamente chegará ao 78% dos becerros identificados dentro da IXP. “A axuda fai moita falla, pero vinculala unicamente aos becerros comercializados dentro da IXP supón unha discriminación que deixa fóra á inmensa maioría do sector. Algo que non tería acontecido se esa achega se tivese concedido por vaca nodriza”.

Así as cousas, Unións Agrariras aposta por traballar no deseño dunha axuda ligada á PEPAC e ao benestar animal. “Non ten sentido que o sector de maior relevancia medioambiental estea sufrindo esta discriminación no que a apoio público se refire, e entendemos que a proposta para os próximos anos debe vir por esta vía”.

CONCESIÓN DE AXUDAS

PARA A DIXITALIZACIÓN DO TEU NEGOCIO

  • Kit dixital para autónomos con ata 2 traballadores
  • Axudas de 2.000 €
  • Prazo de solicitude aberto ata acabar fondos

Queres solicitalo? Infórmate na túa oficina de Unións Agrarias