AGEGA E UNIÓNS AGRARIAS SUMAN FORZAS PARA PEDIR QUE A XUNTA COMPENSE A SUBA DE CUSTOS Á TOTALIDADE DO SECTOR PRODUTOR DE CARNE DE VACÚN

Os tratantes súmanse á reclamación da organización agrogandeira e alertan da paralización das vendas e do posible colapso do mercado causado polo deseño destas axudas

Santiago, 17 de xaneiro de 2024.-  Unións Agrarias-UPA e a Asociación galega de empresarios do gando (AGEGA) instan á Xunta de Galicia a habilitar orzamento suficiente para compensar a suba de custos de produción en todo o sector produtor de vacún de carne. Ambas organizacións celebran que a Consellería teña habilitado fondos para apoiar as producións amparadas na IXP e, máis concretamente, a Tenreira Galega Suprema. Pero lamentan os criterios escollidos, que deixan fóra non só ás explotacións que traballan á marxe da Indicación Xeográfica Protexida, senón tamén ao 35% dos becerros criados dentro dela.

Unións Agrarias e AGEGA fan un chamamento conxunto para que a administración corrixa a discriminación que ven de perpetrar coa liña de axudas recentemente concedida aos produtores de Ternera Gallega e estenda ese apoio á totalidade do sector produtor de vacún de carne en Galicia. Se ben ambas organizacións celebran a concesión de apoios, amósanse en desacordo cuns criterios de reparto que consideran inxustos e discriminatorios; así como coa súa contía, insuficiente para cubrir as necesidades do sector.

Ambas organizacións temen tamén o colapso do mercado e a baixada de prezos que poden vir da man dunha liña de axudas que xa está a producir distorsións debido á paralización da saída de animais marcados dentro da IXP que antes se comercializaban sen certificar, por exemplo no mercado asturiano. “Esas vendas agora non se están a producir debido a que as ganderías non queren perder unhas axudas que se vinculan exclusivamente aos becerros certificados dentro da Indicación Xeográfica Protexida, polo que se está distorsionando o mercado, e isto podería xerar problemas a medio prazo”, indican dende Unións e AGEGA. Nese senso, ambas organizacións instan á Xunta de Galicia a aclarar publicamente se esta axuda, en principio aprobada de xeito excepcional só para o 2023, se manterá nas mesmas condicións no ano que ven de arrincar. “A crenza de que vai ser así xa está causando unha distorsión no mercado de compra-venda que pode traer consigo unha saturación e a consecuente caída dos prezos da carne en orixe. Unha situación moi preocupante que debemos atallar”, subliñan. Ternera Gallega Suprema certifica 55.000 becerros, pero inscribe 80.000, o que deixa ao 35% da produción amparada na IXP fóra desta liña de axudas, penalizando ás explotacións que apostan pola recría e, en definitiva, por tentar medrar e polo futuro do sector. Así, ambas organizacións fan un chamamento conxunto para que o apoio público chegue á totalidade do sector e lembran que a suba de custos de produción afecta do mesmo xeito a todas as explotacións. Nese senso, Unións Agrarias e AGEGA consideran inaceptable que a administración dea as costas ao 65% do sector limitando o seu apoio á produción de Ternera Gallega Suprema. Unha carne e un modelo de produción que sen dúbida debe ser apoiado, potenciado e posto en valor, pero que non pode ser o única beneficiaria do apoio público

CONCESIÓN DE AXUDAS

PARA A DIXITALIZACIÓN DO TEU NEGOCIO

  • Kit dixital para autónomos con ata 2 traballadores
  • Axudas de 2.000 €
  • Prazo de solicitude aberto ata acabar fondos

Queres solicitalo? Infórmate na túa oficina de Unións Agrarias