UNIÓNS AGRARIAS INSTA Á CONFEDERACIÓN HIDROGRÁFICA E XUNTA A LEGALIZAR XA AS BALSAS CONTRA INCENDIOS DAS COMUNIDADES

As administracións están mais atentas á burocracia que á seguridade dos veciños

A Confederación Hidrográfica Miño Sil pretende sancionar ás Comunidades de Montes ás que a Xunta de Galicia lles construeu balsas de auga para a loita contra incendios forestais, e mesmo solicita que as comunidades destrúan as obras correndo cos gastos ademais de facer fronte á sanción correspondente por falta de papeis coa autorización expresa deste organismo.

Este é o caso da Comunidade de Montes de Hermida e Verea no concello de Castrelo do Miño, a quen a Confederación ven de rexeitar as súas alegacións e confirma a necesidade de proceder á retirada do punto de auga cun custe de 2.000 euros, e facer fronte ao pago dunha sanción adicional de 6.966 euros.

Unións Agrarias quere denunciar este expediente, e outros que se poidan estar tramitando na provincia de Ourense, como unha falta de respecto ás Comunidades de Montes, ás necesidades da loita contra os incendios forestais e mesmo a protección da vida das persoas das que o rápido acceso dos medios a puntos de auga, pode depender en caso de incendio forestal grave. O sindicato entende que é abusivo responsabilizar ás comunidades por obras que realizou e financiou no seu momento o Servizo Provincial de Montes, dentro da lóxica da necesidade de creación de infraestruturas contra os incendios forestais.

Así nin estas balsas se poden considerar propiedade das comunidades, en tanto en cuanto son un servizo público para a protección do medio natural e non para uso privado ou privativo das comunidades, ni foron proxectadas, executadas nin financiadas polas comunidades.

Ante esta situación Unións Agrarias demanda de ambas Administracións Públicas, tanto da Xunta de Galicia e da Confederación Hidrográfica, que teñan un comportamento responsable e a altura dos riscos que ten a loita contra os incendios forestais, polo que lles insta a cesar en fantasías administrativas, e que procedan de xeito consensuado entre ambas á regularización administrativa destas obras tan necesarias, sen incorrer en ordes de derribo nin en sancións inxustas a unhas Comunidades, cuxo único erro foi consentir que se construirá un ben de uso público xeral, destinado á protección dos montes da comarca nas que se instalaron, e para mellorar a seguridade das persoas ante o risco de incendio forestal no que a provincia de Ourense ten o triste record de toda España.

CONCESIÓN DE AXUDAS

PARA A DIXITALIZACIÓN DO TEU NEGOCIO

  • Kit dixital para autónomos con ata 2 traballadores
  • Axudas de 2.000 €
  • Prazo de solicitude aberto ata acabar fondos

Queres solicitalo? Infórmate na túa oficina de Unións Agrarias