UUAA PIDE INCORPORAR AOS SEGUROS AGRARIOS A PESTE PORCINA

Solicitou na Xunta e no Ministerio mesas de traballo para concretar a modificación de primas, ante o risco de contaxio en granxas polo xabaril

A organización Unións Agrarias ven de enviar dúas comunicacións á Consellería de Medio Rural e o Ministerio de Agricultura, para poñer en marcha sendas mesas de traballo para modificar as primas dos seguros agrarios e introducir o risco de contaxio de Peste Porcina Africana (PPA). Neste marco, desde UUAA insístese en que se estude a posibilidade de engadir a cobertura desta enfermidade no Seguro Agrario Combinado (SAC) co fin de aportar ao sector a tranquilidade necesaria para continuar coa súa actividade.

Os produtores de porcino de Galicia están a pasar uns momentos de grande incerteza pola posibilidade de que se produza un vector de contaxio motivado polo crecemento descontrolado da poboación de xabaril nalgunha das 2.000 granxas activas na nosa Comunidade. Así, un grande número de expertos secunda que a posibilidade de que se rompa a barreira sanitaria e a PPA chegue aos animais de consumo é moi alta, e os seus efectos serían devastadores para a economía dos gandeiros de porcino.

Neste sentido, a UE, a través da Decisión de execución 2014/709, de 9 de outubro de 2014, sobre medidas de control zoosanitarias relativas á Peste Porcina Africana en determinados estados membros, ten implementado unha política de rexionalización na que as zonas afectadas foron sometidas a diferentes requisitos en canto a medidas a aplicar e restricións ao movemento de animais, produtos animais, material xenético e subprodutos en función da situación epidemiolóxica da enfermidade nesa zona concreta, co obxectivo de impedir a expansión da enfermidade.

España é o segundo país da UE en canto a volume de produción de carne de porcino e a cuarta potencia produtora mundial, despois de China, Estados Unidos e Alemaña, cun valor económico da produción superior aos 6.000 millóns de euros. O liderado de Galicia dentro do estado español, co 32% das explotacións, danos a dimensión da catástrofe económica que significaría un contaxio desta enfermidade.

A importancia do sector e a alta posibilidade da chegada da PPA fai imprescindible que desde a Consellería de Medio Rural e o Ministerio de Agricultura tomen unha clara posición sobre este tema e se comece a traballar nas posibles solucións, participando activamente na coordinación das políticas nacional e rexional e incidindo na necesidade de que estas aborden o problema a medio e longo prazo, para evitar ter que afrontar respostas de emerxencia.

CONCESIÓN DE AXUDAS

PARA A DIXITALIZACIÓN DO TEU NEGOCIO

  • Kit dixital para autónomos con ata 2 traballadores
  • Axudas de 2.000 €
  • Prazo de solicitude aberto ata acabar fondos

Queres solicitalo? Infórmate na túa oficina de Unións Agrarias