Santiago, 21 de febreiro de 2020.- Logo de denuncia efectuada ante a promoción da cadea de distribución Lidl, que oferta iogures marca Milbona a 0.08 euros a unidade, Unións Agrarias vai proceder do mesmo xeito coa cadea DIA pola oferta de brics de leite sen lactosa VITAL a 0.59 euros. Un novo caso vergoñento de uso do leite como produto reclamo que causa aínda máis indignación por facer coincidir o seu lanzamento en plena reclamación por parte dos gandeiros de prezos xustos para a produción láctea.
Desde UUAA insístese en esixir á Xunta de Galicia e ao Ministerio que impoña o criterio de tolerancia cero contra a venda a perdas que practican algunhas cadeas de distribución na comercialización do leite. As administracións deben ir máis alá das grandes declaracións de apoio ao sector e facer o seu traballo de fiscalización destas actitudes comerciais, devastadoras para a formación dunha cadea de valor para o leite xusta.
A organización agraria advirte a DIA que no caso de que non retire dos lineais dos seus supermercados nun prazo máximo de 48 horas a nomeada oferta, iniciará unha campaña directa de denuncia nas propias superficies comerciais. UUAA, en calquera caso, xa vai dar traslado e propoñer que se abra un expediente sancionador ante a Axencia de Información e Control Alimentarios, (AICA) á cadea alemá de supermercados DIA por introducir no mercado galego produtos en clara venda a perdas.
UUAA xa advertira que este tipo de accións especulativas por parte das grandes superficies ían propagarse de maneira exponencial pola falta de cobertura legal que sufre a base produtora. Unha indefensión que ven dada pola falta de elementos reguladores esenciais, como son a figura dun mediador e un réxime de sancións duro e efectivo que castigue aos especuladores.
Finalmente, a organización fai un chamamento aos consumidores e consumidoras para que fagan unha compra responsable e solidaria coas familias de gandeiros que teñen que malvender a súa produción para que os donos de multinacionais como DIA sigan engordando as súas contas bancarias. Os afiliados e afiliadas de UUAA manterán unha actitude vixiante nos distintos centros comercias para denunciar publicamente a aqueles que atentan contra a dignidade dos produtores lácteos de Galicia.