Viana, 6 de maio de 2020.- A organización Unións Agrarias denuncia que as persoas que queiran darse de alta no sistema de certificación telemática da Xunta de Galicia “Chave 365” en calquera concello ourensán teñen que acudir persoalmente ás oficinas da administración autonómica na capital provincial. Esta situación obriga a desprazamentos de centos de quilómetros en pleno Estado de Alarma e contradí os principios sanitarios do confinamento social. E, na situación actual, non parece de recibo que desde a Xunta de Galicia non teñan despregado un modelo alternativo que facilite a tramitación da certificación dixital.
Ata o de agora a tarefa de validar que os datos administrativos se correspondían coa persoa solicitante era realizada polo persoal dos centros de saúde da Consellería de Sanidade. Mais, na actual situación de pandemia, loxicamente todos os recursos do Sergas están dedicados ao control da enfermidade e non poden ser desviados para cubrir estas tramitacións.
Así as cousas, UUAA esixe que se abran portelos administrativos alternativos para que a xente non teña que realizar viaxes de horas desde Viana ou A Mezquita ata a cidade de Ourense para poder acreditar a súa identificación para entrar no rexistro “Chave 365” e poder realizar os seus trámites burocráticos de xeito telemático.