Dende que comezou a crise do coronavirus os gandeiros galegos están a verse forzados a vender a carne dos seus animais por menos do que lles custa producila. Catro meses despois o estado de alarma rematou, e a sociedade vai recuperando a normalidade e a actividade económica habitual. Sen embargo, os prezos devaluados que as explotacións perciben polo vacún non se recuperan, sen que aparentemente exista ningunha xustificación. Os niveis de consumo mantéñense e a hostelaría volve funcionar. Por se fora pouco, o IPC subiu e os prezos que os consumidores pagan por este produto encarecéronse. Saímos á rúa para denunciar esta situación e conseguir que a cidadanía saiba que mentres o custo da cesta da compra aumenta, os produtores da carne perderon arredor dun 25% dos seus ingresos.
As ganderías galegas producen carnes dunha altísima calidade seguindo os máis estrictos parámetros de seguridade alimentaria, sustentabilidade e benestar animal. Sen embargo, paradoxicamente as carnes destas explotacións de proximidade non se atopan á venda en moitas das cadeas de supermercados instaladas en Galicia, que optan por importar tenreira de países como Holanda ou Bulgaria. De todo elo informamos hoxe en Lugo, onde arredor de 80 gandeiros da provincia se congregaron convocados por Unións Agrarias para sensibilizar aos consumidores e informalos da dura situación que atravesan.
A Xunta de Galicia debe dar un paso adiante e brindar o apoio preciso para garantir o futuro dun sector estratéxico para o rural galego. E é que falar de gandería en extensivo é falar de economía, pero tamén de demografía e de loita contra o despoboamento e contra os incendios.
É fundamental que as administracións velen polo cumprimento da Lei de Cadea Alimentaria. Unha norma que, a pesar de prohibir expresamente a venda a perdas, leva meses sendo incumprida sen consecuencias. Tampouco podemos deixar de denunciar a cativa resposta da Xunta de Galicia á situación límite que enfrontan estas explotacións. E é que o plan de apoio para axudar ao medio rural a paliar as consecuencias da covil-19 presentado polo goberno autonómico é pouco menos que simbólico; pois as axudas directas contempladas permitirán chegar apenas a un terzo das explotacións de vacún galegas, cuxa viabilidade e futuro están a verse seriamente ameazadas.