Santiago, 1 de decembro de 2020- Unións Agrarias impulsou esta mañá unha concentración ás portas do punto de venda de Gadis situado na compostelana rúa Montero Ríos. Un acto de repulsa ao que acudiron produtores e co que a organización quixo visibilizar a súa repulsa ante a oferta de polo a 1,99 €/quilo desta cadea. A convocatoria serviu para informar aos consumidores da delicada situación que está a atravesar un sector que, dende o inicio da pandemia, ten visto caer en picado as súas vendas. E tamén para sinalar a quen, a pesar da publicidade, á hora da verdade ignora o dereito dos gandeiros a percibir prezos xustos polos seus produtos.
Sen turismo e coa hostalaría pechada, cada granxa de polo acumula este ano máis de 5.000 euros en perdas. Dende que comezou o estado de alarma o sector enfróntase a unha dura coxuntura que, a pesar das peticións realizadas por Unións, ata o de agora non ten sido paliada con ningún tipo de axuda por parte das administracións. Así as cousas, a oferta de Gadis desta semana resulta dobremente ferinte, pois chega no momento no que os produtores precisarían máis apoio ca nunca.
Máis aló deste acto (que valeu para que os responsables deste punto de venda retirasen os polos en oferta dos seus andeis), Unións Agrarias avisa de que se manterá alerta ante calquera abuso da distribución que vulnere os dereitos dos produtores. A organización denuncia o emprego dos produtos agrogandeiros como reclamo; e fai un chamamento para que os consumidores rexeiten unhas ofertas abusivas que devalúan o valor do traballo de agricultores e gandeiros. Ademais, lembra que a lei está para facela cumprir, e fai un chamamento para que as administracións se manteñan alerta e non deixen impunes accións como esta, coas que a distribución incumpre a Lei de Cadea e fomenta a venda a perdas.