Unións Agrarias denuncia o caso omiso que as industrias están a facer da súa obriga de negociar en igualdade e abonar aos produtores prezos que cubran os custos de produción das granxas. A pesar da recente modificación da Lei de Cadea por parte do Ministerio de Agricultura, a experiencia está a demostrar a nula vontade das industrias de moverse dos seus posicionamentos; convertendo os procesos de negociaciación dos contratos para a recollida do leite iniciados hai algúns meses en meros trámites. É por iso que a organización agraria insta ao departamento que dirixe Luis Planas a actuar para que o seu compromiso cuns prezos xustos para os produtos agrogandeiros non quede nunha simple declaración de boas intencións.
Nos últimos meses o encarecemento dos cereais imprescindibles para a alimentación do gando fixo que os custos de produción das granxas subisen no entorno dun 20%. Ademais, os datos públicos máis recentes falan duns custos de produción que roldan os 36 céntimos para un litro de leite. Sen embargo, os produtores están a ver como as industrias se resisten a ter en conta ningún deses dous datos: empeñándose en impoñer contratos que non só non contemplan subas; senón que en moitos casos non chegan a cubrir o que aos gandeiros lles custa producir.
Chegados a este punto, e en vista da nula vontade negociadora existente por parte da industria, Unións Agrarias insta ao Ministerio a actuar de oficio e a poñer en funcionamento as ferramentas precisas para facer cumprir a lei e poñer freo aos abusos. Ademais, a organización apela tamén ao compromiso da Xunta para que a nova estratexia de impulso deseñada pola administración autonómica para o sector lácteo non se convirta en papel mollado e conte coas ferramentas que os produtores precisan. Así o explicaron esta mañá en rolda de prensa o secretario de Coordinación Sectorial e Área Externa da organización, Félix Porto; e o responsable de Servizos, Óscar Pose; que lembraron a sangría que o sector lácteo galego leva anos padecendo; cunha perda anual media de 500 explotacións.
Os representantes de Unións Agrarias tamén destacaron a importancia de facilitar os medios precisos para que as granxas galegas poidan abaratar os seus custos de produción. Nese senso, lembraron que cada ano Galicia importa 3 millóns de toneladas de cereais para alimentación do gando; que ben poderían cultivarse na nosa Comunidade poñendo a producir 200.000 das hectáreas de terra agraria hoxe abandonadas.