UUAA traslada a Medio Rural a problemática do aumento de custos nas explotacións lácteas

A organización fixo entrega ao conselleiro dun estudo e solicitou a implicación da administración para mellorar a rendabilidade das granxas

Unións Agrarias reuniuse hoxe co conselleiro do Medio Rural para falar dos problemas que o aumento dos custos de produción e os baixos prezos en orixe están a ocasionar ás explotacións lácteas galegas. A organización solicitou a implicación da administración autonómica para garantir a rendabilidade dos produtores de leite nun encontro no que o conselleiro comprometeu o apoio da Xunta ao sector, “co obxectivo de reverter a tendencia dos custos de produción que, de acordo cos datos de UUAA, se teñen incrementado arredor dun 8,5%”.

O titular da Consellería do Medio Rural recibiu esta mañá de mans do secretario xeral de Unións un pormenorizado estudo co que a organización quere facer partícipe á administración da grave situación que atravesan os gandeiros galegos. De acordo ás cifras que manexa a organización, nos últimos meses os custos das granxas de leite incrementáronse arredor dun 8,5% debido ao aumento do prezo da alimentación para o gando, a enerxía ou o persoal.

Unións Agrarias destaca a gravidade da situación que atravesan as explotacións lácteas; máis aínda nun contexto no que as industrias levan meses incrementando beneficios debido á revalorización dos produtos industriais derivados, como a manteiga e o leite en pó. “A pesar de que a industria está a aumentar os seus beneficios, ese incremento da rendabilidade dos produtos lácteos non se está a trasladar ao sector produtor, que cada ano perde explotacións”. “Se non queremos que sigan desaparecendo granxas de carácter familiar urxe unha revisión á alza do prezo nos liñais de venda ao público que se traslade a toda a cadea; especialmente ao elo máis débil, que é o gandeiro (o único que non reporta beneficios)”, indica o secretario xeral da organización agrogandeira. Que tamén lembra a importancia do sector produtor de leite en Galicia, “non só en canto á súa dimensión económica, senón tamén dende un punto de vista social, como vertebrador e xestor do territorio e axente activo na loita contra o despoboamento do rural”.

UUAA lembra que no último ano o prezo medio do litro de leite cobrado polos gadeiros galegos foi de 0,324 €. Un céntimo por debaixo da media estatal e case 3 céntimos menos que o ingresado polos gandeiros asturianos. Iso a pesar de que a porcentaxe media da materia graxa do leite entregado en Galicia (do 3,79% en abril de 2021) é superior á media nacional (do 3,71% no mesmo mes). Un dato de especial relevancia debido á revalorización da manteiga rexistrada nos últimos meses; que fai que a rendabilidade do leite das granxas galegas sexa maior ao producido noutras Comunidades.

Para Unións Agrarias resulta moi grave a actitude das industrias que, a pesar de estar a aumentar os seus beneficios; se resisten a trasladar ese incremento da rendabilidade dos produtos lácteos ao sector produtor; que cada ano perde explotacións. Nese senso, UUAA lembra que a maior parte dos contratos de abastecemento subscritos entre produtores e industrias teñen duración anual e son a prezo fixo. O que, na situación actual de incremento de custos de produción, supón a imposibilidade de revisión de prezos e unha condena que aboca a perdas económicas ás explotacións.

A organización agrogandeira considera moi urxente e necesario modificar estes contratos a prezos fixos; que ademais están a supoñer na práctica un incumprimento da Lei 12/2013, do 2 de agosto, de medidas para mellorar o funcionamento da cadea alimentaria; xa que os prezos que perciben os gandeiros non están a cubrir os seus custos efectivos de produción. Nese senso, Unións entende que o incremento de custos das granxas debe traducirse canto antes nun aumento do prezo do leite que reciben os gandeiros; que debería oscilar como mínimo entre 0,35 e 0,36 €/l. Cifras afastadas dos 0,336 €/ l rexistrados no mes de abril no conxunto de España; e dos 0,328 €/ l percibidos en Galicia.

Unións Agrarias considera errada a estratexia seguida ata o de agora polo Ministerio de Agricultura para a elaboración do seu “Estudo da cadea de valor e formación de prezo no leite líquido envasa de longa duración”. Un traballo que toma como referencia os 0,69€ de valor do leite esterilizado líquido envasado en cartón; que apenas representa un 23,78% do total producido. “Tomar como referencia 3 millóns de litros de leite para poñer prezo a unha produción total próxima aos 7,5 millóns de litros de leite producidos en España impide trasladar beneficios ao sector produtor. Algo que non acontecería se se tomase como refererencia, por exemplo, o valor de 0,79 €/ l correspondente ao leite líquido en todas as súas presentacións no mercado”, explica Unións. Que fai un chamamento para que todas as administracións, así como as industrias lácteas e a distribución, se sumen a unha estratexia conxunta que permita garantir a rendabilidade do sector lácteo e conseguir por fin un reparto equitativo entre todos os elos da cadea. Nesa liña, a organización agradece a boa disposición amosada pola Consellería do Medio Rural e confía en que o encontro mantido se traduza en melloras para as explotacións galegas.

CONCESIÓN DE AXUDAS

PARA A DIXITALIZACIÓN DO TEU NEGOCIO

  • Kit dixital para autónomos con ata 2 traballadores
  • Axudas de 2.000 €
  • Prazo de solicitude aberto ata acabar fondos

Queres solicitalo? Infórmate na túa oficina de Unións Agrarias