A XUNTA RECOÑECE O DESCONTROL DOS DANOS DO XABARÍN EN GALICIA

UUAA pide a Feijoo que lidere a resposta á crise ante a ineficacia da conselleira

Santiago, 26 de agosto de 2021.– Unións Agrarias asistiu esta mañá a unha xuntanza de traballo convocada pola Dirección Xeral de Patrimonio Natural da Consellería de Medio Ambiente, a fin de explicar as medidas extraordinarias que se toman por parte da Administración para o control das poboacións de xabaril e dos seus danos no rural galego e na agricultura.

Logo de asistir a reunión, UUAA solicita do presidente da Xunta que lidere a resposta a esta crise dada a total ineficacia que caracteriza a xestión deste asunto por parte da conselleira de Medio Ambiente, Ánxeles Vázquez; quen non está a dar a cara nin a propoñer solucións para os danos do xabaril no agro galego, agochándose detrás dos técnicos e da Dirección Xeral de Patrimonio Natural.

As medidas coñecidas consisten só na flexibilización da caza do xabaril, baseándose no aumento de días de caza (que pasan a ser todos os días da semana) e na simplificación administrativa da tramitación das autorizacións de caza, todo baixo o amparo da declaración de “emerxencia cinexética” nas comarcas e concellos de maior actividade agraria, estado excepcional que prevé a lexislación de caza para o control de situacións extraordinarias xeradas por actividade descontrolada de poboacións de animais, neste caso o xabaril. Unións Agrarias entende que esta medida por parte da Consellería de Medio Ambiente, é un recoñecemento tácito do descontrol das poboacións dos xabarís e os seus efectos no rural durante os últimos anos, nos que se está a dar unha escalada progresiva tanto de accidentes de tráfico (que xa superan os 3.200 ao ano segundo datos oficiais) como danos nas colleitas, que segundo estimacións de Unións Agrarias superan xa os 12 millóns de euros cada ano, fundamentalmente en cultivos forraxeiros, e tamén en viñedo, pataca e castaña.

Unións Agrarias entende que estas medidas son insuficientes e supoñen un parche máis da Consellería de Medio Ambiente para gañar tempo e afrontar ante a opinión pública os inmediatos danos que se esperan nas próximas semanas nos cultivos de millo. A organización destaca que as medidas non van ao fondo do problema, que é a obriga que ten a Caza Social Galega de responder do pago dos danos na agricultura cando carecen da planificación axeitada para controlar as poboacións de xabaril. E sobre todo cando non teñen fondos para o pago dos máis de 12 millóns de euros anuais que se están a dar no agro galego pola acción das mandas. Por todo elo Unións Agrarias seguirá na súa campaña na procura de apoio no mundo da caza social, para demandar un cambio legal na lexislación de caza, que poña a obriga de responder polos danos da fauna salvaxe na Xunta de Galicia, e non nos TECOR e Sociedades de Caza que non son os propietarios desta fauna, únicamente os responsables da súa xestión conforme a normativa autonómica.

CONCESIÓN DE AXUDAS

PARA A DIXITALIZACIÓN DO TEU NEGOCIO

  • Kit dixital para autónomos con ata 2 traballadores
  • Axudas de 2.000 €
  • Prazo de solicitude aberto ata acabar fondos

Queres solicitalo? Infórmate na túa oficina de Unións Agrarias