Tras meses de intenso traballo e conversas con todas as cadeas de distribución e os matadoiros que operan en Galicia, Unións Agrarias ven de conseguir a implicación de todos os elos da cadea de valor da carne de vacún galega nun acordo histórico pola rendibilidade de todos eles. A organización agraria asinou esta tarde un documento, amparado pola Consellería do Medio Rural da Xunta de Galicia, que significa o inicio dun novo marco de relacións e a erradicación da venda a perdas das explotacións gandeiras galegas.
Despois de máis de cinco meses de negociacións coa industria e a distribución, Unións Agrarias ten conseguido dar forma a un acordo sen precedentes. A Consellería do Medio Rural foi o escenario no que esta tarde representantes da organización agraria, impulsora deste pacto a favor do cumprimento da Lei de Cadea, se reuniron con voceiros de distribución, industria e IXP Ternera Gallega para asinar un documento que representa un compromiso explícito por unha formación de prezos xustos, dentro da máis estrita legalidade e de maneira transparente, partindo duns custos de produción de referencia que a propia Consellería se encargará de establecer.
“A importancia do acordo de hoxe está en todos os que formamos parte del: industria, distribución, gandeiros e administración. Porque imos moito máis aló do que di a letra da Lei de Cadea. Estamos falando dun espíritu e un compromiso común en virtude do cal todos somos conscientes do papel social, económico e medioambiental que xogan as explotacións galegas”. Así o explicou o secretario xeral de Unións no acto de sinatura desta tarde, que Roberto García aproveitou para destacar a “adhesión voluntaria de toda a cadea de distribución a este acordo para garantir o cumprimento da lei e que todos os implicados na produción e comercialización de carne de vacún galega poidan cubrir custos de produción e ter unha marxe de beneficio”.
UUAA fixo un chamamento para que todos os implicados na cadea de valor da tenreira galega se sumen a un acordo que precisa de que “todos rememos conxuntamente” e destacou a importancia de conseguir facer partícipes aos consumidores das singularidades do modelo produtor e da calidade da tenreira galega.
A posta en valor da tenreira galega suprema, unha carne de excepcional calidade producida baixo uns parámetros de benestar animal sen igual, está na base dun acordo que supón o inicio dunha senda de traballo en conxunto; en virtude da cal o conselleiro do Medio Rural se comprometeu a impulsar unha campaña promocional que permita divulgar as singularidades desta produción e situala no lugar que merece. Un xeito de contribuír a garantir unha retribución xusta para o sector produtor, así como para os demais elos da cadea, tal e como destacou o secretario xeral de Unións.
O secretario xeral da organización agrogandeira aproveitou o acto de presentación do acordo para volver incidir na necesidade de realizar un esforzo orzamentario para enfrontar a situación de crise na que se atopan as explotacións galegas. “Non podemos permitir que ningunha delas teña que pechar porque non lle dan os números. A actividade gandeira ten viabilidade, ten futuro e ten calidade, e temos que facilitarlle os medios en forma de axudas directas para poder saír adiante nun momento de fonda crise coma o actual”, indicou García.