UUAA INSTA Á XUNTA A HABILITAR SEN DEMORA AXUDAS DIRECTAS PARA PALIAR A SITUACIÓN DE EMERXENCIA DA APICULTURA

Considera imprescindible que a administración autonómica complemente con fondos propios o plan anunciado polo Ministerio

Santiago, 28 de marzo de 2023.- Unións Agrarias insta á Xunta de Galicia a dar un paso adiante e a comprometerse coa situación de crise que atravesa a apicultura. A organización agrogandeira considera imprescindible unha actuación inmediata da administración autonómica e demanda a intervención da Consellería de Medio Rural ante a gravidade das problemáticas que afectan a este sector produtor.

Unións Agrarias tentará reunirse nos vindeiros días co director xeral de Gandería para abordar de xeito pormenorizado e coa máxima urxencia as diversas problemáticas que teñen provocado unha preocupante caída da renda e da produción apícola. Unha crise que, en primeiro termo e sen dilación, a administración autonómica debe atallar mediante unha liña de axudas directas que inxecte liquidez ás explotacións.

Unións Agrarias considera imprescindible que Medio Rural complemente con fondos propios o plan de axudas anunciado hai uns días polo Ministerio. Unha inxección económica que debe chegar de maneira áxil e inmediata aos apicultores galegos, esganados por unha baixada de tarifas que apenas lles permite cubrir custos.

Logo dos alarmantes datos que a semana pasada daba a coñecer a Comisión Europea a través dun informe que acredita irregularidades masivas nas importacións de mel, Unións Agrarias fai un chamamento para que todas as administracións actúen de inmediato e vaia da man para sancionar e poñer couto a estas entradas que destrúen a cadea de valor da produción local.

Unións Agrarias lembra que adulterar o mel con xarabes de azucre para abaratar custos non só supón un incumprimento da normativa vixente. É unha competencia desleal que está a forzar prezos á baixa e que atenta gravemente contra a rendabilidade e o futuro dos nosos apicultores, que si fan as cousas como é debido e poñen no mercado mel da máxima calidade e con todas as garantías.

Nese senso, a organización agrogandeira incide na necesidade dunha etiquetaxe máis clara que permita ás persoas consumidoras identificar de maneira sinxela o contido do bote de mel que adquiren: as distintas porcentaxes e a procedencia do produto contido. Así como campañas informativas e promocionais que poñan en valor a importancia da apicultura local como axente polinizador fornecedor dun produto de alta calidade.

Unións Agrarias incide ademais na necesidade de que Xunta e Ministerio avancen na posta en marcha dun plan de choque contra a varroa e colaboren activamente na procura de solucións contra as pragas e doenzas que teñen mermado a produción apícola nacional nun 50%.

A velutina ou o cambio climático; pero tamén os incendios forestais, que teñen destruído as zonas de instalación e aprovisionamento de numerosas colmeas, deixándoas sen espazo e obrigando a procurar instalacións alternativas, non sempre doadas; son aspectos que urxe ter en conta. Así como a necesidade dunha PAC que preste a este sector produtor o apoio que precisa; e a inclusión do mesmo entre os beneficiarios da axuda ao combustible. Cuestións que Unións Agrarias quere pór sobre a mesa para que formen parte sen demora da axenda política.

CONCESIÓN DE AXUDAS

PARA A DIXITALIZACIÓN DO TEU NEGOCIO

  • Kit dixital para autónomos con ata 2 traballadores
  • Axudas de 2.000 €
  • Prazo de solicitude aberto ata acabar fondos

Queres solicitalo? Infórmate na túa oficina de Unións Agrarias