UUAA VALORA MODERADAMENTE BEN A PROPOSTA DE MEDIO  RURAL PARA HOMOXENEIZAR A PRODUCIÓN EN TERNERA GALLEGA

Trátase dunha reivindicación que a organización agraria viña mantendo

Santiago, 14 de xullo de 2023.- Unións Agrarias manifesta a súa moderada satisfacción polo anuncio realizado hoxe polo conselleiro de Medio Rural, José González, no sentido de promover e homoxeneizar a produción en Ternera Gallega. Para levar adiante esta liña estratéxica prevese a apertura dunha liña de axudas directas para realizar os investimentos necesarios nas explotacións e tamén axudas a produción de Ternera Gallega e Ternera Gallega Suprema vinculadas ao cumprimento dos certificados de benestar animal.

Esta era unha das reclamacións que desde a organización agraria se viña poñendo de manifesto para tratar de garantir o equilibrio orzamentario nas rendas do conxunto das explotacións que certifican gando na citada IXP.

Dende o punto de vista da organización, que ocupa a vicepresidencia da marca certificada da man de Xose Ramón González, non parecía lóxico que a única compensación que se dera viñera do Goberno do estado e que o autonómico non teña posto aínda un só euro para axudar a un sector moi castigado polos baixos prezos e a suba de insumos.

UUAA insiste por outra banda na posta en marcha do Observatorio de Custos reclamado e comprometido como a ferramenta de control que o sector necesita para facer cumprir a Lei de Cadea Alimentaria. O 60% da carne amparada pola IXP Ternera Gallega comercialízase actualmente en Galicia. Unha tendencia que Unións Agrarias quere romper, coa vista posta na apertura de novos mercados, como o HORECA ou enclaves xeográficos con tirón turístico e maior poder adquisitivo, que permitan impulsar unha suba dos prezos das carnes galegas vinculada á súa diferenciación e calidade singular.

O acordo para a revalorización da tenreira galega impulsado por Unións Agrarias e asinado por matadoiros e cadeas de distribución conseguiu que no último ano os prezos da suprema pasasen dos 4,90€ aos 6.08€. Unha senda ascendente que non pode menos que considerarse positiva, pero na que é necesario seguir avanzando para garantir a rendibilidade e o futuro do sector e da actividade.

Logo de anos de estancamento de prezos e dun último período especialmente complicado para o sector produtor, moi tocado pola forte suba dos custos de produción derivada da invasión de Ucraína, Unións Agrarias entende que o traballo dende o Consello Regulador da IXP para revalorizar e reposicionar as carnes galegas resulta prioritario para o futuro da gandaría galega.

CONCESIÓN DE AXUDAS

PARA A DIXITALIZACIÓN DO TEU NEGOCIO

  • Kit dixital para autónomos con ata 2 traballadores
  • Axudas de 2.000 €
  • Prazo de solicitude aberto ata acabar fondos

Queres solicitalo? Infórmate na túa oficina de Unións Agrarias