UNIÓNS AGRARIAS DEMANDA AXUDAS POLO PAPEL AMBIENTAL E SOCIOECONÓMICO DAS EXPLOTACIÓNS DE CARNE

As achegas anunciadas por unha organización que hai 3 meses se manifestaba polo futuro do sector produtor teñen quedado en fume

Unións Agrarias insta á Xunta de Galicia a habilitar axudas para o sector de carne de vacún galego. A pesar do anunciado por unha organización que, hai xa tres meses, convocara mobilizacións na provincia de Lugo, a día de hoxe as gandeiras e gandeiros non teñen percibido un só euro do goberno galego. Así as cousas, UUAA demanda a activación inmediata dunha axuda directa en base ao benestar animal e ao beneficio medioambiental e socioeconómico que representa o sector produtor de carne de vacún galego. Unha actividade tradicional que xestiona territorio, imprescindible para o mantemento dun rural vivo.

Unións Agrarias insta á Xunta de Galicia a traballar na activación inmediata dunha liña de axudas en base aos fondos FEADER e xutificada polos esforzos que o sector produtor de vacún de carne realiza no que a benestar animal e beneficio ambiental se refire. A organización fai un chamamento para que a administración autonómica dea un paso adiante e traballe polo mantemento futuro dun sector que, por primeira vez este verán está a sufrir os efectos do estancamento do mercado.

Logo de anos de tendencia ascendente no que a produción de tenreira galega se refire, por primeira vez no último exercicio apréciase unha caída da mesma que para Unións Agrarias supón un factor preocupante. Ao igual que o é a evolución da idade de sacrificio, que cada vez se está a atrasar máis debido á incapacidade do mercado de absorver o volume de carne que producen as explotacións galegas.

A pesar de que o prezo da carne aumentou no último ano, logo da sinatura do acordo con matadoiros e distrubución impulsado por Unións Agrarias, a evolución nestes meses de verán non está a ser a agardada. Nese senso, Unións Agrarias alerta do estancamento rexistrado dende o mes de maio, precisamente nos meses nos que, de xeito habitual, tanto o consumo como os prezos da carne experimentan un repunte. Algo que non ten acontecido estse verán, e que evidencia a necesidade de actuar ante as evidentes mostras de colapso que está a dar o mercado galego.

Unións Agrarias insiste na necesidade de procurar novos mercados que permitan a revalorización das carnes amparadas na IXP Ternera Gallega. A organización alerta dun estancamento da produción e os prezos nun momento no que, co aumento do consumo asociado ao período estival, a tendencia debera ser a inversa. Nese senso, insta á Xunta a implicarse de xeito decidido na promoción exterior dun sector lastrado polos baixos índices de exportación e que non é quen de poñer un prezo acorde á calidade da súa produción.

Actualmente o 55% da carne amparada na IXP Ternera Gallega consúmese en Galicia. Un problema estrutural de mercado importante que debe ser correxido. Ao igual que a redución da diferencia de prezo entre a carne de tenreira galega e a de suprema que está a darse, e que evidencia a necesidade de traballar de xeito decidido e rigoroso na diferenciación e revalorización dunha produción de calidade excepcional.

Unións Agrarias lamenta que, pese a todos os anuncios realizados pola Xunta de Galicia, a día de hoxe o sector cárnico de vacún galego non teña percibido un só euro de axuda do goberno autonómico; nen logo da crise provocada polo covid, nen tras a invasión de Ucraína e a forte seca que desencadearon unha escalada dos custos de produción. Nese senso, a organización fai un chamamento á responsabilidade por parte da Consellería do Medio Rural cara un sector produtor tan castigado como esencial para a xestión do territorio e o mantemento do medio rural.

En vista dos datos expostos, Unións Agrarias demanda un plan de comercialización e promoción ben dotado, que permita reverter a actual situación de mercado e sacar as carnes galegas alén das fronteiras da Comunidade, abrindo as exportacións a novos mercados capaces de pagar máis por unhas carnes de calidade gourmet.

8.500 explotacións integran o sector cárnico de vacún inscrito en Ternera Gallega, das que máis de 8.100 se dedican á produción tradicional de suprema.

CONCESIÓN DE AXUDAS

PARA A DIXITALIZACIÓN DO TEU NEGOCIO

  • Kit dixital para autónomos con ata 2 traballadores
  • Axudas de 2.000 €
  • Prazo de solicitude aberto ata acabar fondos

Queres solicitalo? Infórmate na túa oficina de Unións Agrarias