Agolada, 25 de agosto de 2023.- Unións Agrarias insta á Xunta de Galicia a actuar con rigor para atallar e compensar os elevados e reiterados danos que o xabaril está a provocar nos cultivos de millo da comarca do Deza. As repetidas incursións do porco bravo en parcelas do concello de Agolada están a xerar gran malestar entre os agricultores da zona, que nalgúns casos xa dan por perdida a colleita deste ano.
Unións Agrarias condena a ineficacia da administración á hora de impulsar medidas de control suficientes para frear os danos que o xabaril está a provocar nos cultivos de millo do Deza. A pesar dos repetidos partes dados en zonas como a parroquia de Esperante, en Agolada, os produtores seguen vendo como unha e outra vez as mandas de porco bravo se introducen nas fincas estragando enormes extensións de cultivo.
A organización agrogandeira lamenta que a Xunta de Galicia non teña actuado coa axilidade e eficiencia necesarias á hora de implementar metidas cinexéticas capaces de deslocalizar as mandas e afastalas das zonas de cultivo. Pola contra, nas últimas semanas os ataques repítense unha e outra vez nas mesmas áreas e parcelas, a pesar de teren dado parte os propietarios á administración autonómica.
Nun momento no que os custos de produción das explotacións agrogandeiras se atopan disparados e no que o cereal e a forraxe escasean a consecuencia da seca, Unións Agrarias considera inaceptable que a administración non actúe con maior celo e sensibilidade á hora de axudar ao sector produtor a preservar a súa capacidade de autoabastecemento.
O gasto en alimentación para o gando representa o 40% dos custos de produción dunha explotación. Un insumo que nos últimos dous anos ten elevado o seu prezo de maneira espectacular e que, a pesar da freada da fortísima escalada que provocou a invasión de Ucraína rexistrada neste 2023, a día de hoxe segue un 33,24% máis caro do que estaba antes dese fito.