UUAA TEME QUE AS IMPORTACIÓNS DE LEITE CONTAXIEN OS PREZOS Á BAIXA EN GALICIA

A organización pide a convocatoria da Comisión do Acordo Lácteo e coñecer os datos de fronteiras

Santiago 4 de abril.- Unións Agrarias denuncia o alto risco de contaxio de prezos especulativos á baixa nas cotizacións que se pagan polo leite en orixe en Galicia. Tal como ven denunciando a organización agraria, cada día son máis os camións cisterna franceses e portugueses que abastecen as plantas de envasado españolas co leite de saldo procedente dos seus excedentes comerciais. Do mesmo xeito desde Alemaña, Francia e Holanda están a chegar 950.000 quilos diarios de queixo barato procedente dos centros de produción deses países debido ao colapso dos mercados europeos.

Neste contexto, Unións Agrarias solicita a convocatoria telemática urxente da Comisión de seguimento do Acordo Lácteo para atopar unha solución que poña fin a estas prácticas ilegais. Unhas vendas a perdas que ameazan cunha caída masiva das rendas no rural galego nun momento especialmente delicado polo contracción das vendas doutras producións vencelladas á hostalaría, como carne, ovos, etc. A organización agraria insiste na necesidade de que se fagan públicos os datos de importacións de leite e derivados para poder coñecer a dimensión do problema. Á espera de que así sexa, UUAA ten cuantificados en ata 30 camións cisterna –arredor de 1 millón de litros- os que cruzan as fronteiras españolas para abastecer o incremento da demanda que se está a dar nas superficies comerciais polos cambios nos hábitos de compra debido á crise do coronavirus.

A situación está sendo aproveitada polos países con excedentes na produción láctea para saldar as súas exportacións de leite líquido e derivados (fundamentalmente queixo alemán), cara o mercado español con prezos de 14 cts/litro. Prácticas que ameazan con provocar unha caída en cascada das cotizacións do leite en orixe; sobre todo en Galicia, comunidade que produce o 40% de todo o estado español e que xa está na cola en canto a prezo. UUAA fai un chamado tanto aos Ministerios de Agricultura e Consumo como á Xunta de Galicia para que extremen a vixilancia sobre esta situación. Neste sentido, a organización agraria pide que se fagan públicos os datos de entrada de leite en España; así como que se extreme o seguimento da trazabilidade das cisternas para impedir que o leite que transportan acabe envasado como leite español.

Unións Agrarias insiste no chamamento ás administracións para que teñan man dura contra prácticas comerciais como a venda a perdas pola incidencia nociva que ten na cadea de valor de todo o sector lácteo. A organización agraria quere tamén implicar aos consumidores e consumidoras, aos que anima a dar un paso adiante na defensa do medio rural de Galicia mercando só leite e derivados lácteos producidos e envasados en España. Basta con revisar a etiqueta do envase para poder asegurarse de que se trata dun produto de proximidade.

CONCESIÓN DE AXUDAS

PARA A DIXITALIZACIÓN DO TEU NEGOCIO

  • Kit dixital para autónomos con ata 2 traballadores
  • Axudas de 2.000 €
  • Prazo de solicitude aberto ata acabar fondos

Queres solicitalo? Infórmate na túa oficina de Unións Agrarias