Santiago 16 de xuño de 2020.- A organización Unións Agrarias ve manifestamente mellorables as partidas previstas no Plan de reactivación e dinamización da Consellería de Medio Rural para facer fronte aos efectos da Covid-19 no sector agrario galego. O documento, presentado hoxe no Pleno do Consello Agrario de Galicia, anuncia unha dotación de 165 millóns de euros para paliar un impacto que ata o día de hoxe a Consellería valora en 209 millóns de euros, un 0,33% do PIB galego.
Unións Agrarias avisa que na proposta de Medio Rural unicamente se inclúen como Axudas Directas á renda 24 millóns de euros, que se reprogramarán dos fondos FEADER doPDR de Galicia. Unha inxección económica cuxa posta en marcha depende da “Medida Covid19”, deseñada pola Comisión Europea en abril deste ano e que permite destinar como máximo un 2% do orzamento do PDR en vigor.
A proposta presentada hoxe pola Consellería contempla achegas de ata 7.000 euros por explotación e ata 50.000 euros para PEMEs do sector agrario. Porén, o montante contemplado apenas daría para compensar a renda de 3.400 explotacións, cando unicamente no sector de carne son 10.400 explotacións profesionais que están a padecer con dureza os efectos da crise da Covid-19.
Unións Agrarias ven advertindo da problemática que van ter os distintos sectores nos próximos meses a consecuencia do peche do canal de comercialización ligado á hostalería; polo descenso drástico do consumo ligado ao turismo; e polo cambio de hábitos de consumo das familias en tempo de crise. Neste contexto é preciso incidir precisamente nas axudas directas para dar a liquidez que permita ás explotacións superar o descenso de rendas e o aumento de custos que levan meses padecendo, ata que sexa posible recuperar a normalidade na facturación, especialmente en sectores como os produtores de carne de vacún, ovino-caprún, polo e coello.
Do mesmo xeito, a organización agraria fixo fincapé nas dificultades do sector vitícola, seriamente ameazado nunha campaña na que o prezo da uva podería cer drasticamente, e na que os produtores non contan tampouco con garantías de recollida das colleitas. Unha situación que fai necesario demandar recursos extraordinarios da Consellería de Medio Rural, como medidas que dean liquidez ás adegas e que garantan a compra de toda a uva, a prezos que cubran custos de produción.
Unións insiste na necesidade de reprogramar o PDR mais aló da medida Covid, algo no que o Plan da Consellería non quixo entrar, para aumentar os módulos das axudas de pagos por hectárea ligadas ás Medidas 10 e 13 do PDR de Galicia (medidas de agroambiente e clima, e pagos a zonas con limitacións como as de montaña). Unha actuación que permitiría reforzar o nivel de renda das explotacións, especialemente no sector de produción de carne en extensivo. Sector produtivo de gran valor medioambiental e produción de calidade, que está a sufrir especialmente a caída de prezos e a incerteza na retirada dos becerros.
Unións tamén aproveitou a convocatoria do Consello Agrario destse martes para denunciar os problemas que está a ter o sector lácteo, ligados á entrada de leite foránea a prezos por debaixo de custos de produción, aproveitando os excedentes de países da UE xerados pola crise da Covid19.
A organización agraria tamén demandou da Consellería de Medio Rural unha maior interlocución co Ministerio para lograr que as liñas de axuda do Goberno Central sexan axeitadas á realidade da agricultura galega, e poidan ter unha aplicación real que permita resolver os problemas dos produtores galegos. No mesmo sentido, lembrou a Medio Rural a necesidade de abrir mesas de negociación cos distintos sectores produtivos co obxectivo de ensamblar medidas eficaces contra unha contración de mercado e do consumo sen precedentes.